Saturday 16 de November de 2024

A OMIC edita un novo conto para fomentar a alimentación saudable e o comercio local entre a cativada


A concellería de Comercio repartirá nos obradoiros, campamentos e polos centros educativos preto de 1.200 exemplares de “A avoa indiscreta”, a segunda entrega dunha colección de once capítulos en que se fomentan os bos hábitos e a práctica do deporte

A Concellería de Comercio, a través da OMIC (Oficina Municipal de Información ao Consumidor), acaba de editar o conto “A avoa indiscreta”, de Antonio Manuel Fraga e ilustrado por Antonio Seijas, co fin de sensibilizar a cativada sobre a importancia dunha alimentación saudable e responsable de paso que se fomentan na historia novos modelos de desenvolvemento e estilos de vida sustentables. A publicación forma parte do material didáctico que se utiliza nos distintos programas educativos da OMIC e será repartida polos colexios, obradoiros de alimentación e mais nos campamentos para atender as necesidades do alumnado e que aprenda dunha forma lúdica e divertida.

Trátase da segunda entrega dunha serie protagonizada por Tití, que se volve embarcar en aventuras con novos personaxes que farán máis doada a aprendizaxe de hábitos saudables das cativas e cativos. Ademais, poténcianse outros valores como o deporte e as vantaxes do comercio de proximidade. A colección componse de once capítulos con ilustracións ocorrentes e festeiras en que a rapazada verá  como Tití chama á responsabilidade colectiva no coidado do planeta e promove xestos en prol dos negocios locais.