Friday 22 de November de 2024

A XII edición do ‘Primavera en ruta’ percorrerá este domingo a costa agreste de Cerqueda e Cambre


• A iniciativa está promovida pola Asociación Ambiental Senda Nova e nela colabora o Concello de Malpica.

Este domingo, 21 de maio, os camiñantes percorrerán as parroquias malpicás de Cerqueda e Cambre dentro da programación da XII ‘Primavera en ruta’. A iniciativa está promovida pola Asociación Ambiental Senda Neva e conta coa colaboración do Concello de Malpica entre outros municipios.

Nesta ocasión realizarase un traxecto de 14 quilómetros cunha dificultade baixa e que garda o nome de ‘Segredos xeolóxicos dende a caprichosa paisaxe malpicá’. O horario de saída dos autobuses será ás 9:45 diante da Casa do Concello.

A xornada consistirá nunha visita con diversas paradas en puntos de interese do percorrido. Desde a organización piden puntualidade na hora da saída e acudir con calzado e roupa axeitada.

A desta fin de semana será a quinta ruta incluída dentro do proxecto, que busca promover o coñecemento e a posta en valor do noso entorno. Nesta XII edición, as persoas participantes xa realizaron rutas por Carballo, Coristanco e Cabana de Bergantiños.

Logo de atravesar Malpica, nos vindeiros domingos desprazaranse ata Trazo, A Laracha e Zas. Todos estes Concellos, ademais de Protección Civil de Carballo e o Espazo da Natureza de Oza, colaboran no desenvolvemento do programa.