Saturday 16 de November de 2024

Galicia Revalida o seu posto como a segunda comunidade con máis distintivos que a consolidan como un destino turístico de calidade


O ICTE entregou en Fitur as Q de Calidade Turística deste ano, das que case 300 corresponden á comunidade galega

A Xunta mantén a aposta pola calidade no turismo pola súa capacidade de diferenciación do destino e o valor engadido que aporta, no marco do traballo por ofrecer un destino seguro, sostible e de calidade

Galicia tivo unha presencia destacada na Noite Q 2021, a gran gala do turismo impulsada polo Instituto para a Calidade Turística de España e que se celebrou onte no marco da Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid. Durante o acto, presidido pola ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, fíxose entrega das distincións ás entidades e empresas que renovaron este ano a súa certificación de calidade. Con 298 distincións, Galicia volve revalidar este ano a súa segunda posición no ranking global de destinos turísticos de calidade, só por detrás de Andalucía.

A Xunta traballa na recuperación da confianza dos viaxeiros cun destino seguro, sostible e de calidade. Nesta liña, o Goberno galego defende que apostar pola calidade supón un valor engadido e contribúe á diferenciación de Galicia como destino turístico para obter maior competitividade. Así, as case 300 empresas galegas certificadas coa Q de Calidade Turística confirman a calidade do turismo da comunidade, ao igual que as 111 bandeiras azuis concedidas este ano ás nosas praias, os 11 destinos recoñecidos polo Sistema Integral de Calidade Española en Destinos (SICTED) e, en canto á gastronomía as 15 Estrelas Michelin e 29 Soles Respsol dos restaurantes galegos.

Ademais, a Administración autonómica defende que calidade é o camiño a seguir neste Xacobeo dobre porque constitúe un elemento diferenciador que fai que quen visita Galicia repita e que estes visitantes se convertan nos mellores embaixadores do destino e da marca Galicia. Por iso, o Goberno galego destina este ano 3,5 millóns a actuacións en aloxamentos e locais de restauración co obxectivo, entre outros, de mellorar a súa calidade, ademais e axudar aos concellos e establecementos e servizos turísticos a renovar a súa Q de calidade.

Galicia ofrece valores que están a demandar os turistas neste escenario marcado pola pandemia cun turismo tranquilo e non masificado espazos abertos e en contacto coa natureza. Neste senso, a Xunta vén apoiando ao sector na posta en marcha de medidas para reforzar a seguridade como o seguro coronavirus, dotado con 1,4 millóns de euros para ofrecer un plus de tranquilidade aos visitantes ao cubrir os seus gastos ante un caso de infección por covid-19 ou corentenas.

Ademais, a Xunta ten en marcha iniciativas de fomento do consumo interno como a Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia, que tivo unha gran acollida ao esgotarse as tarxetas en só 12 horas, xunto coa reactivación do programa Elixe Galicia. Entre ambas iniciativas a Xunta prevé inxectar 10 millóns de euros no sector turístico para axudarlle na súa reactivación.