O Director Xeral de Industrias Agroalimentarias, José Silvestre Balseiro, visitou esta mañá o Centro Comarcal de Apoio ao Desenvolvemento Rural situado en Moeche
O Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia, José Silvestre Balseiros, achegouse esta mañá ata Moeche para visitar as instalacións do centro de transformación A Fusquenlla, no que o seu departamento participou cunha axuda de 12.000 euros para o deseño técnico do proxecto (sen contar os 119.000 euros de fondos europeos do Leader tramitados polo GDR Seitura 22). De feito, foi en 2019, cadrando co 23 de abril, cando o responsable autonómico comprometeu a colaboración económica cunha iniciativa que poucos meses antes tomara corpo comarcal coa implicación de Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño. Balseiros xa avanzara daquela a importancia de apostar pola formación e a disposición de Medio Rural para apoiar o desenvolvemento de todo tipo de cursos aproveitando as futuras instalacións. Hoxe, co edificio remodelado e equipado, volveu insistir no mesmo, convidando aos concellos promotores a aproveitar as convocatorias que publique a Xunta con esa finalidade e a valerse da Oficina Agraria Comarcal para programar actividades, como por exemplo a que vai comezar en setembro sobre comercialización de produtos hortofructícolas e mel cun total de 80 persoas preinscritas.
O curso -dirixido a persoas de alta no REAGA/REGA- impartirao a Oficina Agraria Comarcal de Ferrol, encadrado na programación formativa financiada polo Ministerio de Agricultura e os fondos europeos do FEADER. Será a primeira acción de capacitación que acolla o centro integrado na rede de coworking da Deputación da Coruña, que ten a intención de se converter en referente para as pequenas explotacións da comarca en todo o relacionado co envasado de horta, froita, zumes e mel.
Os catro concellos promotores están traballando xa no regulamento de uso e de xestión das instalacións que, ademais de tecnoloxía, tamén ofrecerán asesoramento nos procesos de transformación e o aval sanitario e de trazabilidade para a posterior comercialización dos produtos.
Canda esta función principal búscase tamén asegurar un calendario formativo fixo ao longo do ano e adaptado aos ciclos do agro. Nese sentido, o Director Xeral reafirmou a disposición de Medio Rural para continuar cooperando nas programacións por medio da oficina agraria, indicando que unha das estratexias da consellaría de cara aos próximos anos é a de reforzar desde os servizos comarcais a capacitación agrogandeira, recuperando en certo modo o traballo que facía antano o Servizo de Extensión Agraria.
Por outra banda, José Silvestre Balseiros comentou que a curto e medio prazo tamén se incrementarán os fondos dirixidos a formación no sector primario, susceptibles de ser aproveitados polos municipios implicados n’A Fusquenlla para dinamizar esta función do centro.
Promoción do centro de apoio ao medio rural
Precisamente diso, da dinamización das instalacións, foi do que falaron con Balseiros os representantes dos catro concellos no encontro de traballo que mantiveron trala visita protocolaria ás instalacións. O que lle expuxeron foi a posibilidade dunha maior implicación autonómica no proxecto en dous sentidos: por unha banda colaborando na promoción do novo servizo comarcal -para o que se baralla a organización dun evento específico seguido logo dunha campaña informativa- e, por outra, “buscando a maneira de que a Xunta cofinancie o labor diario do centro, por exemplo, os custes de contratación do persoal que se encargará da dinamización”, explica Beatriz Bascoy. A alcaldesa sinala este tipo de colaboración como “unha opción viable” que, salvando as diferenzas, xa é a que se está empregando no Centro de Interpretación das Revolucións Irmandiñas ou na oficina municipal de Turismo, en ambos casos con axuda económica da área de Turismo da Deputación da Coruña.
Beatriz Bascoy cualificou a visita do Director Xeral como “moi proveitosa”, habida conta de que o responsable autonómico se mostrou “moi interesado no proxecto e no seu futuro” e razón pola que, segundo a rexedora “pediu que lle enviasemos o borrador do regulamento e calquera iniciativa que queiramos levar adiante a partir de agora, co compromiso de atoparlle encaixe nas competencias do seu departamento e da Axencia Galega de Calidade Alimentaria”.
Continuación da posta en valor do recinto feiral
Nun aparte do encontro desta mañá -no que tamén participaron os alcaldes de Cerdido e Valdoviño e o concelleiro e mailo técnico de Desenvolvemento local de San Sadurniño- Beatriz Bascoy tamén pulsou o interese da Xunta en apoiar a posta en valor do recinto feiral de San Ramón como polo de reactivación do rural vinculado á comercialización de proximidade de produtos agroalimentarios de calidade.
“Rehabilitamos a antiga nave dos tecidos e impulsamos nela o mercado dos sábados, xunto coa aposta decidida polas feiras de cada mes e os monográficos específicos dedicados ao gando vacún, o cabalo, o queixo e as fabas. Tamén se acondicionou a explanada, reparáronse varios locais e, agora, tamén se preparou a nave dos queixos como Centro Comarcal de Apoio ao Desenvolvemento Rural. Pero aínda quedan moitas intervencións que facer para que todo o recinto reúna as condicións axeitadas para afrontar o futuro do sector primario, que estará marcado polo desenvolvemento sostible e por circuítos de comercialización máis curtos”.
A alcaldesa recorda, ademais, que a mellora das instalacións e dos servizos de San Ramón xa lle foi trasladada á Xunta dentro da manifestación de interese referida a proxectos que poidan acollerse aos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. “A nosa manifestación de interese céntrase na rexeneración do recinto feiral para que recupere a importancia comarcal que tivo no pasado, e que incluso se abra a novas posibilidades de desenvolvemento, co obxectivo de consolidalo como espazo de referencia en Ferrolterra para eventos comerciais, feiras profesionais e congresos relacionados co sector agrogandeiro e forestal. Ademais a Xunta deberá ter definido en breve o Plan Estratéxico para a execución dos fondos FEADER 2023-2027 e queremos que San Ramón sexa un dos puntos que reciba investimentos, algo que o Director Xeral veu con bos ollos”. Tal e como reflicte a comunicación remitida á Xunta hai algo máis dun mes, a remodelación completa da feira aproximaríase a 1.3 millóns de euros.