• Paula Godás e Andrea Maceira, que pasaban no momento polo lugar do sinistro, foron as primeiras en socorrer e prestar asistencia médica ás tres persoas implicadas no choque.
O Concello de Malpica transmite o seu enorme agradecemento a Paula Godás e Andrea Maceira, técnicas en emerxencias sanitarias, que asistiron ás tres persoas afectas no accidente da Pedra da Arca que tivo lugar o pasado xoves.
Ámbalas dúas mulleres, naturais de Verín e que pasaban polo lugar no momento do sinistro, foron as primeiras en socorrer e prestar os primeiros auxilios á espera da chegada dos servizos sanitarios de urxencias.
Segundo explicou Paula Godás, “foi unha situación moi complicada na que a nosa mente traballou todo o rápido que podía”. “Mentres esperabamos a que chegara a asistencia médica intentamos calmar e prestar os primeiros coidados ás persoas afectadas”, relatou.
Neste sentido, a verinesa destacou “o traballo e a coordinación dos servizos médicos con nós mesmas á hora de atender ós afectados e tratar de resolver a situación”.
Tanto Paula Godás como Andrea Maceira son técnicas en Emerxencias Sanitarias para o 061 de Santiago de Compostela e durante estes días estaban de vacacións na Costa da Morte. Ambas forman parte do servizo de Ambulancias Sil e operan no Barco de Valdeorras, A Gudiña e Verín, na provincia de Ourense.
O alcalde de Malpica, Walter Pardo, agradeceulles persoalmente o seu traballo en nome do goberno local e fíxolles entrega dun agasallo da Olería de Buño. “O esforzo e a dedicación de Paula e de Andrea merecen o aplauso de toda a sociedade. Son un modelo a seguir e un exemplo de bondade e calidade humana nunha situación límite”, afirmou.
Neste sentido, o rexedor transmitiu tamén o seu recoñecemento a todas as persoas que pararon e chamaron ós servizos de emerxencias no momento do accidente.