Saturday 16 de November de 2024

Sondaxe sobre a implantación provisional do sentido único nun tramo do Camiño Real


O Concello da Pobra do Caramiñal procedeu neste día 21 de maio co repartimento de enquisas para coñece-lo nivel de conformidade da veciñanza da rúa 2 da Ribeiriña, que se corresponde cun dos tramos do Camiño Real, con relación á aplicación provisional do sentido único de circulación na dirección A Pobra-Boiro, coa entrada establecida nas inmediacións da Mercé.

Con esta medida, a Administración local busca a mellor solución posible ao problema de fluidez de tráfico rodado que había na referida vía, pois permitíase o tránsito en ámbolos dous sentidos, polo cal a estreiteza da rúa impedía o paso simultáneo de dous vehículos en direccións opostas, tal e como constataron os axentes da Policía local tralas demandas de varias persoas residentes e usuarias da zona.

Agora, tralo período de proba, envíase este cuestionario ante a imposibilidade de manter unha xuntanza presencial pola situación sanitaria actual, segundo manifestou o concelleiro da Seguridade, José Andrés Lojo (Nós Pobra). Preténdese así analiza-lo nivel de conformidade das veciñas e veciños do lugar, ademais de recolle-las propostas que teñan en materia de seguridade viaria.

Deste xeito, procúrase tomar unha decisión final conxunta e co maior consenso posible entre a cidadanía e o Concello.

O cuestionario deberase entregar cuberto no primeiro andar da casa consistorial ou a través do enderezo electrónico alcaldia@apobra.gal; establécese como data límite o día 28 de maio. Aquelas persoas que non recibisen o documento poden recollelo no propio consistorio ou descargalo da páxina web www.apobra.gal.