Friday 22 de November de 2024

Samantha Hudson, Aaron Lee, Elena Ferro ou Aldaolado participan na cuarta edición do festival Corufest


A concelleira de Igualdade, Yoya Neira, presentou xunto aos directores Gustavo del Río e Xosé Leis unha nova entrega que inclúe tres xornadas de coloquios sobre sexualidade, igualdade e identidade

A concelleira de Igualdade, Yoya Neira, presentou este mediodía a cuarta edición do Festival de Artes Escénicas Corufest, unha iniciativa dirixida por Gustavo del Río e Xosé Leis, que o ano pasado obtivo unha gran resposta por parte do público e que ofrecerá nesta entrega propostas culturais con contido LGTBIQ+ desde mañá até o 30 de maio. Neira explicou que a programación mesturará o talento local con artistas do panorama nacional e internacional para visibilizar a liberdade afectivo-sexual a través das distintas manifestacións artísticas. Desde o Goberno de Inés Rey destacan que o festival apoia a creación local e que vai máis alá das canles habituais para que a mensaxe chegue a todos os públicos.

Deste xeito, o programa comezará mañá coa posta en escena ás 20.00 horas no Centro Ágora de “Tránsitos”, a obra teatral en que David Teixidó reflexiona sobre situacións reais como a vellez, o VIH ou o cancro. Pola súa parte, Samantha Hudson dará un concerto o domingo, ás 13.00 horas, e Valeria Vegas, autora da biografía da “Las memorias de La Veneno”, falará do seu traballo os días 28 e 29,
ás 20.00 horas, no mesmo escenario. Ademais, en “Yo soy el que soy”, o violinista Aaron Lee traerá o 29, ás 20.00 horas, ao Teatro Colón o seu espectáculo máis persoal. Como novidade este ano, presentaranse as Xanelas, tres xornadas de coloquios, do 24 ao 26, que abordarán de 18.00 a 20.00 horas cuestións como a  sexualidade, a igualdade e a identidade co fin de abrir un espazo de reflexión e pensamento.

A cuarta edición do Corufest incluirá ademais dúas exposicións: a mostra de zocos e coiro de Elena Ferro na Casa Museo María Pita, e o proxecto fotográfico ‘Outra pel, outro rostro’ de Cris Andina na Casa Museo Casares Quiroga. Outras producións previstas para esta edición serán o novo espectáculo de Teatro en Vilo, ‘Hoy puede ser mi gran noche’, que se poderá desfrutar o 27 no Rosalía; a peza de danza contemporánea ‘Perro’, do premiado Daniel Abreu, que acollerá o Teatro Colón o día 28; e mais a acción poética protagonizada por Lucía Aldao e María Lado (Aldaolado), onde o humor, e música e a palabra se xuntarán para propiciar unha velada a partir das 13.00 horas de tintes transgresores, o día 30 na Fundación Luis Seone.

O Festival naceu na Coruña en novembro de 2018 como un lugar de reflexión, diálogo cultural e inclusión social. As localidades están dispoñibles en https://corunacultura.sacatuentrada.es/.