Ángeles Vázquez salienta o impulso do Goberno galego ao cicloturismo, unha alternativa turística sostible, integradora e saudable que non entende de idades
Invita á sociedade galega, así como aos turistas que escollen Galicia como destino seguro, a pedalear para coñecer así o patrimonio natural da Comunidade
A Xunta publicará ao longo deste ano unha guía para descubrir a paisaxe galega desde a bicicleta, a través de máis dun cento de rutas e coa intención de chegar a 8.000 quilómetros de patrimonio natural por toda a Comunidade.
A paisaxe de Galicia desde a bicicleta, unha das apostas turísticas do Goberno galego para este ano, foi presentada esta mañá na Feira Internacional de Turismo (Fitur) pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.
Tal e como subliñou, o cicloturismo é unha alternativa de ocio sostible, integradora e saudable que non entende de idades, polo que a Xunta se propón impulsala, xa que ademais contribúe a diminuír a circulación do tráfico de vehículos e, polo tanto, as emisións de CO2 e a pegada ecolóxica.
Así mesmo, sinalou, outro dos beneficios é que achega ás persoas á natureza a á paisaxe, e as afasta das grandes aglomeracións, polo que se converte nunha opción fiable no momento actual, marcado pola covid-19, e que ademais reforza o selo de Galicia como destino seguro. Por todo isto, invitou aos galegos e visitantes a pedalear para coñecer o patrimonio natural da Comunidade.
Deste xeito, en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo, a Consellería traballa na definición dun conxunto de itinerarios que pasarán a formar parte dunha guía que se prevé rematar neste 2021 e que recompilará rutas de cicloturismo nas catro provincias galegas, abarcando as doce grandes áreas paisaxísticas.
A conselleira explicou que nos diferentes trazados se incluirán espazos naturais, miradoiros ou bens patrimoniais, todo a través de sendas e sendeiros que serán accesibles para facer cicloturismo tanto a nivel usuario como experto.
Na publicación proporase coñecer a orografía galega para acceder, por exemplo, ás paraxes de montaña dos Ancares ou de Pena Trevinca, ás praias e acantilados de Cabo Ortegal, ás chairas do centro de Galicia ou á beleza da Ribeira Sacra, coa flora e fauna en todo momento como protagonista.
Rutas homologadas e sinalizadas por dificultade
Pola súa banda, o director do Instituto de Estudos do Territorio, Francisco Barea, incidiu en que nos últimos meses o uso da bicicleta medrou exponencialmente, mesmo sorprendendo aos profesionais do sector, con cada vez máis afeccionados a este deporte que ademais cualifican Galicia como un lugar privilexiado para a súa práctica.
Sobre as rutas da guía, impulsadas polo seu departamento, apuntou que para a súa óptima calidade se autorizarán a nivel autonómico e se homologarán en colaboración coa Federación. Cada una delas estará sinalizada por nivel de dificultade, tendo en conta a distancia, o desnivel, o tipo de firme e a técnica.
O proxecto para a realización deste proxecto está incluído no Plan estratéxico da paisaxe galega 2021-2024, aprobado en marzo polo Goberno galego e co que se prevé mobilizar un orzamento de máis de 40 millóns de euros para actuacións, medidas e programas.