Friday 22 de November de 2024

A Xunta ratifica o protocolo polo que financiará obras do Parque Ofimático co adianto de 3 millóns de euros


O Consello de Administración de Xestur aprobou a sinatura do protocolo co concello da Coruña para adiantar o pago de cotas de urbanización do barrio de Xuxán

Tamén acordou prorrogar ata o 21 de decembro o prazo para a escrituración e pago das tres parcelas adxudicadas a finais do ano pasado

A Xunta de Galicia adiantará o pago de 3 millóns de euros para rematar as obras da primeira fase do parque Ofimático da Coruña. Deste xeito, facilítase que a Administración local licite -e posteriormente, adxudique- as actuacións correspondentes a esa primeira etapa.

O Consello de Administración da empresa pública Xestur, propietaria en nome da Xunta do 50 por cento do ámbito, aprobou hoxe nunha reunión a sinatura do protocolo de colaboración co concello para axilizar as obras de remate da primeira fase do Ofimático, ás relativas ao barrio de Xuxán.

Segundo o establecido no protocolo, o Goberno galego facilitará a execución das obras necesarias adiantando o pago correspondentes ás cotas 5ª e 6ª, por importe de 3 millóns, nun prazo máximo de 45 días dende a sinatura do acordo.

Este protocolo é continuación do asinado en 2016 e polo que a Xunta adiantou o pago de 4,2 millóns de euros para facilitar que o concello puidese rematar as obras que actualmente xa están executadas, o que proba a aposta decidida da Xunta pola promoción de solo residencial na Coruña, destacando que a metade do mesmo, de titularidade autonómica, se destina a vivenda protexida e vivenda de promoción pública.

Cómpre recordar que este protocolo tamén establece como compromiso por parte do Concelllo, a axilización da contratación das obras de finalización da primeira etapa, informando a Xestur e á Asociación Parque Ofimático 2010 do estado de tramitación e execución; mentres que esta última, se compromete a colaborar coa Administración local na elaboración e xestión das derramas que correspondan aos seus asociados e a cooperar na resolución dos conflitos que poida xurdir.

Por outra parte, o Consello de Xestur autorizou a prórroga do prazo para a sinatura de escrituras das parcelas adxudicadas en outubro de 2020 no parque Ofimático para compensar os problemas que a covid-19 está a causar aos adxudicatarios das mesmas. Esta medida, semellante á xa adoptada para os adxudicatarios de solo empresarial, permitirá ampliar o prazo no que os adxudicatarios deben escriturar e pagar as parcelas adxudicadas, que inicialmente era de oito meses dende a adxudicación a agora queda ampliado ata 21 de decembro de 2021, previa solicitude e xustificación por parte dos adxudicatarios.

En outubro de 2020 Xestur adxudicou tres parcelas do parque Ofimático destinadas á construción de 194 novas vivendas protexidas por parte de promotores privados.