Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño volve adiar as actividades ao aire libre das Letras Galegas


O Concello trasládaas ao domingo 30 de maio ante a incerteza do tempo, aínda que mantén a presentación do libro prevista para a tarde de mañá sábado

As previsións incertas sobre o tempo atmosférico desta fin de semana levaron á Concellaría de Cultura de San Sadurniño a adiar outra semana máis as actividades das Letras Galegas que ían ter lugar este domingo nos xardíns municipais. Onte mesmo, despois de consultar os avances de Meteogalicia e a AEMET, o departamento decidiu pasar a programación para o domingo 30 co mesmo horario e contido. Pola súa banda, Normalización lingüística mantén para mañá á tarde -patio da Casa do Concello, 17.30h.- a presentación do libro “XelArias. Palabra á intemperie”, que se trasladaría á galería do primeiro andar no caso de que chova.

Á presentación deste sábado asistirán as autoras do libro, Emma Pedreira e Laura Romero, ademais da directora de Baía Edicións, Belén López. “XelArias. Palabra á intemperie” achégase á figura da poeta e tradutora xuntando a escrita de Pedreira cos debuxos e collages de Romero.

Porén, esta nova proposta sobre Arias mestúrase cos testemuños e fragmentos dos poemas da escritora, de maneira que o libro se converte nun diálogo a tres bandas que, segundo Emma Pedreira, “non é unha biografía ao uso”, senón unha comuñón entre as dúas e os debuxos de Romero. “Quero falar dunha poeta, que podería ser outra, que podería ser ata eu mesma e non, é Xela e eu con Xela ou Xela en min e, por aí, debullando o íntimo dos seus versos nos meus”, explicaba nunha entrevista na TVG.

A presentación do libro está prevista para as 17.30h. deste sábado 22 de maio no patio interior da Casa do Concello. O acto desenvolverase cumprindo coa normativa preventiva e, no caso de que chova, pasaríase para a galería.

Os eventos principais, o domingo 30
As que se pospoñen até o domingo que vén, 30 de maio, son as actividades programadas ao aire libre por Cultura. Desenvolveranse desde as 10.00h. nos Xardíns Municipais, onde o Concello organizará un amplo itinerario cultural polos sendeiros do parque relacionado coa autora e coas Letras Galegas.

Ao longo dese trazado intercalaranse referencias a todas as escritoras e escritores homenaxeados no último medio século, ademais das voces e músicas das escolas municipais. Canda elas, a pista multixogos acollerá a partir das 13.00h. un pequeno concerto de Sanjurjo, Dopico e Cardalda.

No tramo final deste percorrido cultural -que se deberá facer entrando por diante do Concello e saíndo por calquera dos laterais do edificio anexo- estará instalado o Recuncho de Xela Arias, un espazo creativo onde se poderán depositar citas en galego, o título do libro máis desexado, ese poema que se aprendeu hai anos e aínda se recorda, aquela palabra galega que máis gusta… Do que se trata é de escribirlle a Xela o que se queira. Chega con traer a idea da casa, posto que o material necesario para expresala corre por conta da Concellaría de Cultura.

Cada contribución que se faga ao recuncho entrará en cinco sorteos -xogos de Trivial, axendas da autora homenaxeada e dúas láminas do artista local Carlos García- que se celebrarán ao remate da xornada, pouco antes das 14.00h.