A actuación conta cun orzamento de preto de 230.000 euros
O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, visitou as obras de mellora de seguridade viaria na estrada provincial DP-1201 entre Rodiño e Codeso. Durante o seu percorrido, estivo acompañado por un técnico da Deputación da Coruña e por un responsable da empresa adxudicataria deste proxecto.
“Esta actuación permitirá ofrecer unha considerable mellora na mobilidade da veciñanza de ambos os dous núcleos poboacionais. Trátase dunha vella demanda veciñal, que se vén reclamando dende o ano 2015 e que xa está máis preto de ser unha realidade”, indicou o rexedor boqueixonés. As obras, financiadas pola Deputación da Coruña, contan cun orzamento próximo aos 230.000 euros e o seu prazo de execución é de seis meses.
Os traballos mellorarán a seguridade viaria nun treito de preto de dous quilómetros e acometeranse en dous tramos. O primeiro deles centrarase entre o PQ 2+360 e o 3+550 e o segundo, estenderase entre o PQ 4+500 e o 5+200. Este proxecto comprenderá a creación dunha senda peonil de 1,8 metros na marxe esquerda dos devanditos treitos da DP-1201, que se complementarán coa mellora das beirarrúas de 1,5 metros existentes no tramo entre os puntos quilométros 2+270 e 3+550.
A senda peonil construirase en formigón y contará cunha capa de zahorra en cor. O proxecto contempla, finalmente, os traballos correspondentes á recollida de pluviais, á execución dun colector e a instalación de arquetas e, para a iluminación, á canalización das tubaxes necesarias baixo a senda.