Friday 22 de November de 2024

Galicia esixe ao Goberno Central claridade e concreción sobre a aplicación dos Fondos Europeos para vivenda


Está previsto que a vindeira semana o Ministerio dea a coñecer os criterios de reparto dos 3.970 M€ dispoñibles para programas no eido residencial

A Xunta lamenta a falta de avances nas últimas semanas e que as comunidades dispoñan da mesma información que en convocatorias anteriores

A Xunta de Galicia solicita ao Goberno central que clarifique e concrete canto antes as medidas que permitirán que os fondos europeos do plan de recuperación económica destinados a financiar programas de vivenda poidan ter unha implantación práctica e chegar aos seus potenciais beneficiarios. Esta é a principal demanda galega ante a comisión multilateral que se celebrou esta semana co fin de preparar a Conferencia Sectorial convocada para o vindeiro 26 de maio.

O director do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, lamenta que o Executivo leve varias semanas ofrecendo a mesma información ás autonomías. Así, solicita “máis axilidade, claridade e concreción” ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana sobre o reparto dos 3.970 millóns de euros de fondos europeos que se destinarán á rehabilitación e construción de vivendas.

Deste xeito, considera necesario que os gobernos autonómicos poidan dispoñer de información clara e detallada con relación ás medidas que se poderán implantar grazas a estes fondos e o cronograma que prevé o Goberno central para a súa aplicación.

Na próxima Conferencia Sectorial está previsto que se establezan os criterios para o reparto dos case 4000 millóns de euros que se destinarán a tres liñas para a rehabilitación e a construción de vivendas.

Os criterios que se establezan na reunión do 26 de maio, na que Galicia defenderá a aplicación dunhas pautas que beneficien os seus intereses, deberán ser autorizados aínda polo Consello de Ministros e ratificados posteriormente noutra Conferencia Sectorial.

Unha vez confirmados, o Goberno publicará o decreto que regulará as axudas para vivenda e o reparto dos fondos dispoñibles entre todas as comunidades, algo que prevé facer no terceiro trimestre, tal e como lles foi trasladado aos representantes autonómicos durante a reunión da comisión multilateral.

Os compromisos de gasto dos fondos asignados por Europa deberán estar aprobados, como moi tarde, no cuarto trimestre de 2024, motivo polo que a Xunta insiste na importancia de que o Executivo central axilice todos os trámites previos.