Saturday 16 de November de 2024

Inés Rey: “Acoller a Copa da Raíña por primeira vez supón un novo impulso para o deporte feminino da cidade”


O salón de plenos de María Pita acolleu esta mañá o sorteo das Copas do Rei e da Raíña de hóckey patíns que terán lugar no Pazo de Riazor do 10 ao 13 de xuño

A alcaldesa lembrou que os logros do Liceo ano tras ano competindo ao máximo nivel no continente supoñen unha fazaña prodixiosa: “É un dos nosos emblemas máis importantes”

A alcaldesa, Inés Rey, participou esta mañá no sorteo da Copa do Rei e da Raíña 2021 de hóckey patíns, que tivo lugar no salón de plenos coa presenza da concelleira de Deportes, Mónica Martínez; do presidente da Real Federación Española de Patinaxe, Carmelo Paniagua; e do delegado provincial de Deportes da Xunta, Roberto García.

A alcaldesa deulles a benvida a todos os equipos e agradeceulle á Federación Española de Patinaxe a elección da Coruña para acoller un torneo moi arraigado na cidade. Rey lembrou que “os logros do Liceo ano tras ano competindo ao máximo nivel no continente supoñen unha fazaña prodixiosa. É un dos nosos emblemas máis importantes. O Liceo leva o nome da cidade alá por onde vai. Estamos moi orgullosos do que representa para a cidade. Saben que lle seguiremos apoiando sempre”.

A rexedora destacou o feito de que sexa a primeira vez que se disputa na cidade a final da Copa da Raíña “unha cita que resulta especial para min. Sabedes que é unha prioridade para min e para o Goberno local que o deporte feminino desta cidade alcance a plena igualdade en todas as competicións e o mesmo recoñecemento. Aquí xogarán as mellores xogadoras do país, por iso é un dobre orgullo ser sede desta competición e que as dúas o  fagan en igualdade de condicións”. Unha competición, engadiu, que terá como escenario o Pazo de Deportes de Riazor que o ano pasado celebrou o seu 50 aniversario, “un espazo que forma parte da nosa historia”

A Coruña, dixo, reforza hoxe coa presentación desta competición o seu significado deportivo, “porque Coruña é sinónimo de deporte. É unha satisfacción acoller na nosa cidade a Copa do Rei e da Raíña de hóckey, máis aínda nun ano en que o hóckey nos está dando grandes alegrías”. Destacou que a Copa será o primeiro grande evento deportivo que terá lugar na cidade desde o fin do Estado de Alarma, o que “vén confirmar que, a pesar de que a pandemia non acabou, imos retomando a normalidade. E parte do éxito de que regrese ás nosas vidas esa normalidade é a volta do deporte profesional con público nas súas bancadas”.

Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, destacou o que supón o Liceo para o deporte coruñés e para o hóckey español. “Hai que poñer en valor o feito de que sexa un equipo capaz de tratar de ti a ti ao Barça, como fixo unha vez máis esta tempada… unha tempada que, por certo, leva números de récord e que aínda que se escapou o título de Liga, queda esta Copa para rematala da mellor maneira posible”, dixo.

Pola súa banda, o presidente da federación Española de Patinaxe, Carmelo Paniagua, apuntou que “A Coruña é un sitio idílico para a celebración das copas de hóckey sobre patíns, as mellores competicións da tempada. Quero mandar o meu máis sincero agradecemento ao Deportivo Liceo, ao Concello da Coruña e á Xunta de Galicia pola súa iniciativa e colaboración para organizar ambas as competicións. Espérannos catro días dun gran evento e quero desexar sorte aos dezaseis equipos participantes“.

Canto aos choques deportivos, a Copa comezará o xoves 10 con dous partidos en cada categoría. Na masculina, o Deportivo Liceo enfrontarase ao CP Voltregà Stern-Motor, mentres que o Recam Làser CH Caldes o fará co CE Lleida Llista Blava. No cadro feminino,
Magic Studio CP Manlleu buscará un posto en semifinais contra o Telecable HC e o CP Voltregà Stern-Motor xogará co PHC Sant Cugat. Nota de Prensa

A competición seguirá o venres cun primeiro encontro no cadro masculino entre o Reus Deportiu Miró e o Garatge Plana Girona CH, e un segundo encontro entre o Barça e o CE Noia Freixenet. E no cadro feminino será a quenda do Generali HC Palau de Plegamans contra o CHP Bigues i Riells, e o Cerdanyola CH co CP Las Rozas.