Dirixido as persoas que estaban matriculadas nas Escolas de Danza e Música Tradicional suspendidas pola pandemia, serán os primeiros obradoiros que se realicen tras a Covid-19
O Concello de Brión vai organizar uns obradoiros de pandeireta, baile galego, gaita e percusión que terá lugar do 24 de maio ao 5 de xuño na Carballeira de Santa Minia (en caso de choiva trasladaríanse á sala municipal de exposicións). Trátase dos primeiros obradoiros formativos que se recuperan en Brión tras a Covid-19 e están dirixidos a todas as persoas que estaban matriculadas nas Escolas de Danza e Música Tradicionais do Concello cando se suspenderon debido á pandemia.
Dende o Departamento de Cultura, a concelleira Sandy Cebral explica que “o obxectivo desta actividade é darlle continuidade aos grupos que conforman as distintas agrupacións das Escolas de Danza e Música Tradicionais do Concello, xa que este ano non foi posible comezar con estas actividades e buscamos, cando menos, que estas persoas teñan a oportunidade de manter un mínimo contacto coa música durante este curso, preparar o vindeiro curso e apoiar a nosa cultura local”.
O Concello de Brión organizará obradoiros de pandeireta, baile galego, gaita e percusión en diferentes grupos e horarios, para cumprir coa normativa sanitaria anticovid. Uns horarios que se poden consultar na Casa da Cultura ou chamando ao 981 50 99 08. Así mesmo, o Concello de Brión dará a oportunidade de participar a aquelas persoas que, non estando inscritas o ano pasado, desexen iniciarase nestas disciplinas.
Estes obradoiros finalizarán o 5 de xuño cunha conferencia e clase maxistral ofrecida por Mercedes Peón, que estará acompañada polos profesores Ana Fernández e Santiago Lage.