Friday 22 de November de 2024

O Concello convoca máis de 6.300 prazas para os campamentos deste verán


A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, destacou na presentación as diferentes temáticas que inclúe a oferta deste ano, con opcións desde o 28 de xuño ao 10 de setembro para que a cativada de entre 3 e 17 anos practique deporte, mellore o coñecemento de idiomas ou se adentre na ciencia e na divulgación

Como novidade, o Concello agrupou todos os campamentos nunha única campaña en www.coruna.gal/campamentos2021 para que todos os trámites de información e rexistro lles resulten máis cómodos e áxiles ás familias demandantes

A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, presentou esta mañá a oferta municipal de campamentos para este verán acompañada dos edís Diana Cabanas, Mónica Martínez e Jesús Celemín, e coa que o goberno de Inés Rey busca a conciliación das familias ao mesmo tempo que as nenas e nenos de entre 3 e 17 anos se divirtan e aprendan xogando. Serán máis de 6.300 prazas repartidas en opcións que responden a temáticas variadas, en que as persoas participantes poderán practicar os seus deportes favoritos, mellorar idiomas ou reforzar o que asimilaron durante o curso. Tamén haberá un apartado
para as pequenas e pequenos que queiran adentrarse na ciencia e a divulgación e todos serán accesibles para nenas e nenos con diversidade funcional.

Este ano o Concello quixo agrupar a totalidade de campamentos nunha única campaña para que todos os trámites de información e rexistro lles resulten máis  cómodos e áxiles ás familias demandantes. Deste xeito, as actividades aínda que pertencen a distintas concellerías –Benestar Social, Educación, Cultura, Deportes e Comercio– aparecen concentradas nunha soa oferta en www.coruna.gal/campamentos2021.

Os días 24, 25 e 26 abrirase o prazo de preinscrición, que se realizará de forma telemática a través da web anteriormente citada. Para a obtención dunha praza terán preferencia as e os menores empadroadas/os no Concello da Coruña e aquelas/es cuxos proxenitores estean traballando ou teletraballando, no caso das familias monoparentais. A listaxe resultante publicarase o 31 de maio e deixarase un período entre o 1 e o 3 de xuño para posibles reclamacións. O 4 de xuño sortearanse as prazas e a rapazada admitida darase a coñecer o 10 de xuño nas webs municipais. Do 11 ao 15 de xuño, as persoas interesadas poderán formalizar a presenza das cativas e cativos que foron aceptadas/os.

Campamentos Urbanos en Centros Cívicos (Concellería de Benestar Social)
Destinatarios: menores nados entre o 01/01/2009 e o 31/12/2017
Datas: do 1 de xullo ao 10 de setembro en 5 quendas de 15 días
Horario: de luns a venres en horario de mañá
Prezo: Entre 26 e 32 euros
1.350 prazas

Campamentos de día (Concellería de Benestar Social)
Destinatarios: menores nados entre o 01/01/2009 e o 31/12/2017
Datas: do 1 de xullo ao 31 de agosto en 4 quendas de 15 días
Horario: de luns a venres en horario de mañá e tarde
Prezo: 85 euros
416 prazas

Campamentos tradicionais de pernoita (Concellería de Benestar Social)
Destinatarios: menores nados entre o 01/01/2005 e o 31/12/2013
Datas: 4 quendas de 7 días durante xullo e agosto
Prezo: 85 euros
180 prazas

Campamentos de mocidade (Concellería de Benestar Social)
Destinatarios: menores de 12 a 17 anos
Datas: do 5 ao 30 de xullo en 2 quendas de 10 días
Horario: de luns a venres en horario de mañá
Prezo: gratuíto
100 prazas

Campacoles (Federación Provincial de ANPAS e Concellería de Educación)
Destinatarios: alumnado matriculado nalgún curso de EI ou EP en centros públicos
da cidade
Datas: do 28 de xuño ao 30 de xullo en 5 quendas de 5 días
Horario: de luns a venres en horario de mañá
Prezo: entre 15 e 53 euros. Gratuítos para menores beneficiarios da bolsa comedor
2.250 prazas

Summer Talk (Federación Provincial de ANPAS e Concellería de Educación)
Destinatarios: alumnado matriculado en 6º EP ou nalgún curso da ESO
Datas: do 05 ao 30 de xullo en 4 quendas de 5 días
Horario: de luns a venres en horario de mañá
Prezo: 15 euros
240 prazas

Campamentos Fórum e Ágora (Concellería de Cultura)
Destinatarios: menores nados entre o 01/01/2009 e o 31/12/2017
Datas: do 28 de xuño ao 03 de setembro en 5 quendas de 15 días
Horario: de luns a venres en horario de mañá ou tarde
Prezo: entre 35 e 45 euros
900 prazas

Campamentos deportivos (Concellería de Deportes)
Destinatarios: menores de 6 a 13 anos
Datas: do 28 de xuño ao 03 de setembro en 5 quendas de 15 días
Horario: de luns a venres en horario de mañá
Prezo: 25 euros
720 prazas

Campamentos mc2 e mc2+ (Concellería de Cultura)
Destinatarios: menores de 12 a 17 anos
Datas: do 28 de xuño ao 30 de xullo en 5 quendas de 5 días
Horario: de luns a venres en horario de mañá
Prezo: 29,09 euros
90 prazas

Escola de Verán da OMIC (Concellería de Comercio)
Destinatarios: menores de 4 a 10 anos
Datas: do 01 ao 30 de xullo en 2 quendas de 15 días
Horario: de luns a venres en horario de mañá
Prezo: gratuíto
60 prazas