Saturday 16 de November de 2024

Sométese a información pública o trazado da VAP da Costa Norte entre a AG-64 e A Sanguiñeira


O Concello considera que non se incorporaron ao proxecto algunhas das peticións formuladas antes de que comezase a redactarse

Desde hoxe e até o día 30 de xuño permanecerá exposto para información pública o novo proxecto do tramo da Vía de Altas Prestacións da Costa Norte entre a AG-64 e A Sanguiñeira. O Diario Oficial de Galicia publicou onte o anuncio e a partir de hoxe xa se pode consultar a documentación e presentar as alegacións oportunas a un trazado que cambia no seu percorrido e deseño con respecto ao do 2010. Son 7,5 quilómetros de distancia, catro viadutos e unha calzada que pasa agora dos 14 aos 17,5 metros de ancho, con todo o que iso implica en canto a terreos ocupados e, en consecuencia, futuras expropiacións. E dicimos “futuras” xa que de momento non hai prazos concretos para levar a cabo o levantamento de actas previas á ocupación nin tampouco para a execución das obras. En calquera caso, insistimos, o proxecto completo -o terceiro na historia desta vía- está xa en exposición pública e hai até o 30 de xuño para rexistrar alegacións. A consulta pode facerse no Concello de San Sadurniño en horario de mañá, no Concello de Moeche, na sede da Axencia Galega de Infraestruturas en Santiago ou no Servizo de Infraestruturas da Coruña (Rúa Vicente Ferrer 2). A documentación tamén está dispoñible nesta ligazón.

O documento completo pode descargarse desde a web da AXI, aínda que debe terse en conta que se trata dun pdf que pesa preto de 800 “megas”, polo que cómpre armarse de paciencia se se ten unha conexión lenta ou se se ten límite de datos. Para ver dunha ollada o novo percorrido elaboramos esta mañá unha composición ilustrativa con imaxes extraídas do proxecto -a foto que encabeza esta nova, que pode baixarse a boa resolución (son 3 megas)-, con indicación dos lugares polos que a Xunta proxecta levar a estrada.

Na información remitida onte aos medios pola Consellaría de Mobilidade e Infraestruturas destácanse, como principais cambios, a conexión coa AG-64 á altura da Casanova e a ampliación da lonxitude total do trazado ata acadar os preto de 7,5 km. Desde a Casanova baixará até o Casal sorteando o Xubia, logo cruzará por Vilafiúnce até a Pernuda e despois continuará subindo ata o Camiño Arriba pasando antes polo Albeiro e Vilela. Seguirá logo por Portolamas, A Pallota e A Sanguiñeira e conectará coa estrada de Ortigueira nunha nova rotonda situada na Corveira, xusto no límite con Moeche (a escasos metros de Muíño Suministros).

O proxecto prevé unha sección de tipo estrada multicarril 2+1 coma as que xa existen noutras partes de Europa. Estas vías levan un carril de baixada e dous de subida que se van alternando dependendo dos desniveis que haxa que salvar. Deste modo búscase incrementar a seguridade -o carril dun sentido vai separado cunha barreira física dos outros dous- e facilitar os adiantamentos. Para iso foi necesario darlle máis larganza á plataforma da estrada, que pasa de 14 a 17,5 metros, polo que co novo proxecto a lonxitude de zonas de adiantamento abrangue os 6,8 km, no canto de só 2,1 no antigo.

A Xunta tamén indica que os cambios terán outras repercusións. Apúntase a substitución do enlace de San Sadurniño, no punto quilométrico 101+800, por un enlace coa vía provincial DP-7603, no 102+560, o que evita expropiar unha vivenda. Tamén a substitución do enlace da Casanova por unha glorieta a nivel e a modificación do trazado entre os puntos quilométricos 101+700 e 101+900 para reducir a afección ao río Aceiteiro. Ademais cámbiase a paso superior no cruzamento coa liña do ferrocarril -entre O Albeiro e Vilela, no punto 103+900- e, por último, a VAP enlaza coa AC-862 na Sanguiñeira. En canto a estruturas, o proxecto prevé catro viadutos, de 280, 96, 160 e 22 metros de lonxitude, así como dous pasos superiores,cinco pasos inferiores e un muro de contención.

No anuncio publicado onte -e tamén na documentación técnica- infórmase de que o proxecto comprende unha superficie susceptible de ser expropiada de 385.367 m². Tamén se prevé unha ocupación temporal de 11.483 m2 e 1.303 m2 de servidumes. Son un total de 455 propiedades afectadas, practicamente todas situadas no territorio de San Sadurniño e na súa maioría en chan rural de monte, labradíos ou pradarías.

Con todo, tamén hai algúns bens tocados polo proxecto, entre eles un galpón, unha caseta e unha balsa de auga, un invernadoiro, un depósito e unha edificación en ruínas, tal e como figura no anuncio de exposición pública. O proxecto fai unha aproximación ao valor das exporpiacións e indemnizacións cuantificándoas en algo máis de 4.5 millóns de euros.

Solicitude dunha xuntanza coa AXI
En clave política, o alcalde de San Sadurniño apuntaba esta mañá que agarda que “desta vez si” o proxecto vaia adiante “despois de vinte anos de retrasos”. Neste sentido, Secundino García criticou que a Xunta “aínda non concretou prazos nin comprometeu cartos para a execución das obras. Na prensa fálase de que vai custar máis de 40 millóns de euros, pero iso non significa que a Xunta teña habilitados xa eses fondos”.

O alcalde engadiu, por outra banda, que o Concello analizará nestes días a documentación publicada pola Xunta “para ver se se incorporaron as peticións que propuxemos antes da redacción do proxecto e, de ser o caso, presentar as alegacións que consideremos oportunas. Todo parece indicar que algunhas cuestións quedaron no tinteiro, como por exemplo que se recollese nos planos unha solución para a parte do abastecemento municipal que se vería afectada polas obras”. En relación coas afeccións do proxecto, Secundino García tamén avanzou que o Concello solicitará unha xuntanza urxente cos responsables da AXI “para coñecer de primeira man como quedan algunhas vivendas e outros inmobles e equipamentos municipais próximos ao trazado, como é o caso das captacións de auga do Albeiro e do Camiño Arriba”.

Tanto o consistorio como o resto de persoas interesadas teñen até o 30 de xuño para rexistrar as súas observacións ou reclamacións. A documentación pode consultarse nas sedes da Axencia Galega de Infraestruturas e tamén nas oficinas municipais de San Sadurniño e Moeche.