O goberno local deu conta da redución do período medio de pago a proveedores de 60 a tan só 8,5 días
A Corporación de Boqueixón aprobou onte por unanimidade o nomeamento, a título póstumo, de Pedro Pérez Pérez como Fillo Adoptivo do Concello. Neste Pleno ordinario tamén se acordou realizar a entrega da distinción, previsiblemente, nunha sesión extraordinaria durante o vindeiro mes de xuño.
Na proposta de acordo, que foi presentada polo alcalde, Manuel Fernández Munín, detállase a súa forte vinculación de Pedro Pérez co municipio. Nacido en Losar de la Vera, un pequeno municipio da provincia de Cáceres, o 30 de xuño de 1919. Veterinario de profesión, un dos seus primeiros destinos foi Boqueixón, chegando ao municipio nos anos 50.
Residiu, xunto coa súa dona Rosario Fernández Rodríguez, na parroquia de Ponte Ledesma durante aproximadamente 15 anos. Aínda que despois, no ano 1965, se trasladaría a Carballo como xefe comarcal, Boqueixón deixou unha importante pegada na súa vida.
Tanto foi así que, tras o seu falecemento –o 7 de decembro do 2001-, manifestou no seu testamento a súa vontade de constituír unha fundación coa finalidade de crear un fondo anual para apoiar as carreiras universitarias de Medicina e Veterinaria de dúas persoas mozas pertencentes a calquera parroquia do Concello de Boqueixón durante un máximo de 5 anualidades. Foi entón cando se constituíu a Fundación Pedro Pérez, dotada cun patrimonio próximo aos 200.000 euros.
Grazas a esta entidade, un total de alumnos e alumnas de Medicina e Veterinaria do municipio beneficiáronse deste legado durante os seus anos de carreira. Estas becas –dotadas con algo máis de 67.000 euros- outorgáronse dende o curso académico 2002/2003 ata o 2017/2018.
Un importante legado que terá o seu recoñecemento a través do nomeamento de Pedro Pérez como Fillo Adoptivo do Concello de Boqueixón a título póstumo. Esta decisión xa foi trasladada á familia que agarda poder trasladarse o vindeiro mes de xuño ao municipio para participar na homenaxe oficial.
Dende o grupo de Veciñ@s de Boqueixón celebraron a formalización deste nomeamento. O concelleiro Iván Eirís amosou a súa satisfacción persoal, xa que el foi un deses 10 estudantes beneficiados polas becas de Medicina da Fundación Pedro Pérez.
Incorporación á Asociación do Camiño de Inverno
A sesión ordinaria de onte tamén deu luz verde unánime a adhesión de Boqueixón á Asociación de Municipios del Camino de Invierno a Santiago. Esta agrupación ten como principal obxectivo, segundo indicou o rexedor, “a recuperación e posta en valor deste camiño, que transcorre polo municipio nun dos seus tramos. En concreto, polas parroquias de Lestedo e Sergude”.
Esta asociación conta cunha vintena de asociados e unha das primeiras accións desenvolvidas comprende “a creación dun vídeo promocional deste itinerario que se presentará durante a feira Fitur, que se está a desenvolver estes días en Madrid. Trátase dunha boa oportunidade de atraer maior número de visitantes ao noso municipio, especialmente nestes dous anos”, concluíu Manuel Fernández Munín.
Finalmente, deuse luz verde á inscrición no inventario de bens municipais dun equipamento de emerxencias. Trátase dunha tenda de campaña para emerxencias que foi cedida pola Xunta e que será utilizada pola Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) do municipio.
Pago medio a proveedores en 8,5 días
Por outra banda, deuse conta do informe da Secretaría-Intervención sobre o prazo medio de abono de facturas a proveedores. No devandito documento, que se presenta ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, detállase unha considerable redución nos prazos, pasando dunha media de 60 días no primeiro trimestre de 2020 ata os 8,5 días rexistrados no cuarto trimestre do pasado ano.