Saturday 16 de November de 2024

A Xunta oferta 1.652 prazas en 10 campamentos de verán na provincia da Coruña


A proposta de actividades inclúe tamén 12 campos de voluntariado con 108 prazas para mozos de entre 18 e 30 anos

Poderán participar mozas e mozos con necesidades especiais e ofértanse 15 prazas para persoas con discapacidade no Albergue Xuvenil de Gandarío

A Xunta abre o prazo hoxe para a solicitude das 1.652 prazas dispoñibles na provincia da Coruña para participar nos 10 campamentos, para as mozas e mozos de entre 9 e 17 anos, da campaña de verán para este 2021 e desde onte pódense solicitar tamén algunha das 108 prazas dispoñibles para os 12 campos de voluntariado que se celebrarán na Coruña.

O programa de actividades, que se desenvolverá nos meses de xullo, agosto e setembro, ponse en marcha baixo o lema “O verán que mereces”. O Goberno galego manterá as bases do protocolo específico fixado o ano pasado para os campamentos de verán. Deste xeito, continuarase a implantar medidas como a redución do aforo, a incorporación gradual das rapazas e rapaces, o reforzo do persoal monitor ou o incremento das medidas hixiénico-sanitarias.

Campamentos de verán
O prazo de solicitude será de sete días hábiles no caso dos campamentos a partir de hoxe. As familias numerosas e monoparentais terán un desconto do 50%, e as persoas usuarias do Carné Xove gozarán dunha rebaixa do 25%. As solicitudes deben presentarse preferiblemente por vía telemática a través da Sede Electrónica. Na páxina de Xuventude hai dispoñible máis información ao respecto.

Campos de voluntariado
Para os campos de voluntariado celebrados en Galicia, o prazo de inscrición estará aberto ata cinco días antes do comezo de cada campo. Para os campos de voluntariado noutras comunidades autónomas habilítanse dúas convocatorias, a primeira delas remata o día 21 de maio ás 14.00 horas. A segunda convocatoria abrirase o 1 de xuño e permanecerá aberta ata cinco días antes do inicio do campo.

A solicitude presentarase mediante un formulario en liña e cada persoa solicitante debe escoller, por orde de prioridade, un máximo de cinco campos de voluntariado. As prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de recepción.

Novidades
Este ano á campaña de verán incorpórase unha noca instalación de campamentos na provincia en Cabana de Bergantiños e recupérase o programa de intercambio bilaterais que se suspendera o ano pasado por mor da pandemia.