A responsable autonómica felicita ao mozo coruñés, que se iniciou neste deporte con 8 anos e participou no seu primeiro campionato nacional con 11
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse esta semana co pescador coruñés Daniel Vázquez Bouzas, de 14 anos, que representará a España no Mundial de salmónidos mosca na categoría xuventude, un evento que se celebrará o ano que vén previsiblemente en Italia.
Tras felicitalo pola súa excelente traxectoria profesional, que iniciou con tan só 8 anos de idade, a responsable autonómica salientou o enorme potencial que ten Galicia como canteira de pescadores de alto nivel, motivo polo que a Xunta segue apostando pola remuda xeracional dun sector clave para a Comunidade coma este.
Durante o encontro, no que tamén participaron a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o presidente da Federación Galega de Pesca, Manuel Mouzo, a conselleira considerou que a nova Lei de pesca continental, que entrou en vigor o pasado mes de febreiro, é a mellor mostra do compromiso do Goberno autonómico co sector e da necesidade de espertar vocacións entre a xuventude para garantir o seu futuro.
Así, referiuse ás chamadas escolas de río unha figura creada precisamente ao abeiro desta normativa para avanzar na formación e sensibilización dos mozos que se porán en marcha por primeira vez en Galicia o vindeiro ano, seguindo o exemplo e a experiencia positiva doutras comunidades.
Por iso, Ángeles Vázquez considerou que a traxectoria de Daniel Vázquez, pertencente ao Club Salmo, pode servir de exemplo para outros mozos e mozas interesados no mundo da pesca deportiva e que desexen iniciarse na súa práctica de forma profesional.
Neste sentido, lembrou que a pesar da súa corta idade, o pescador coruñés xa atesoura un importante palmarés, tras participar en tres campionatos de España de salmónidos mosca —o primeiro con 11 anos— e lograr en 2019 o ascenso á categoría de deportista de alto nivel (DAN). O seu próximo reto será o mundial de 2022, a súa primeira competición a nivel internacional tras gañar a súa praza no Campionato de España da especialidade que se desenvolveu este mes en Extremadura.