Friday 22 de November de 2024

Remata mañá o prazo de solicitude das axudas para a contratación nos concellos de 1.100 persoas desempregadas que traballarán na prevención de incendios e vixilancia nas praias


A Consellería de Emprego e Igualdade apoia con 8,5M€ á Administración local co programa Aprol Rural e o destinado á realización de obras ou servizos de interese xeral ou social

Trátase de dúas iniciativas para facer fronte aos efectos que a covid-19 está xerando no mercado de traballo

O prazo para solicitar as axudas do programa Aprol Rural e do destinado á realización de obras ou servizos de interese xeral ou social remata mañá. Trátase de dúas iniciativas da Consellería de Emprego e Igualdade coas que se está a impulsar o emprego local para facer fronte aos efectos que a covid-19 está xerando no mercado de traballo. As dúas actuacións suman un investimento de 8,5 millóns de euros para a contratación de 1.100 persoas sen emprego nos concellos galegos.

Aprol Rural conta, dunha banda, cun orzamento de 7M€ para a contratación de 600 persoas desempregadas en 290 municipios rurais galegos para a realización de tarefas relacionadas, maioritariamente, coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Terán prioridade os concellos fusionados e os emprendedores. Os contratos terán unha duración de 9 meses a tempo completo.

O Goberno autonómico, doutra parte, inviste 1,5M€ para apoiar en 185 concellos galegos a contratación de 500 persoas sen emprego para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social co obxectivo de proporcionarlles experiencia e práctica profesional que permita a súa inserción. Os contratos, que principalmente os concellos destinan a labores de vixilancia nas praias, serán de tres meses -no caso de que sexan a tempo completo- ou de seis meses para os de tempo parcial.

Os dous programas convocáronse no DOG o pasado 20 de abril. Estas medidas teñen como obxectivo mellorar a empregabilidade das persoas participantes co obxectivo de dinamizar o mercado laboral galego. Enmárcanse na prioridade da Xunta de crear máis e mellor emprego de calidade na Comunidade e completan outras iniciativas que xa se activaron e que favorecen a contratación nos concellos galegos. É o caso dos obradoiros de emprego, no que se invisten 30,2M€ para permitir a formación e o acceso ao emprego de 1.500 persoas; as axudas para a contratación de orientadores laborais, ás que se destinan 6,8M€ para a contratación de 280 persoas ou os Programas Integrados de Emprego, cun orzamento de 8,4M€ para apoiar a contratación de 3.300 persoas en concellos e entidades sen ánimo de lucro.

Así mesmo, destacan as axudas destinadas á contratación de 700 persoas perceptoras da Risga, que contan cun orzamento de 7,7 millóns de euros para dar apoio a 165 concellos ou agrupacións de municipios e cuxo prazo de presentación de solicitudes remata o próximo 27 de maio.