Saturday 16 de November de 2024

Gonzalo Trenor presenta en Fitur o Barbanza como un destino seguro para disfrutar da natureza, da gastronomía e da nova aventura xacobea “A Orixe”


O delegado da Xunta na Coruña participou na presentación “O itinerario cultural a Santiago da Ría Muros-Noia” e na ponencia “A orixe”

O representante do goberno autonómico destacou que “a colaboración entre administracións nos sitúa no camiño adecuado para aproveitar e fortalecer o Barbanza para captar un turismo de calidade que busca viaxar sen présas para aproveitar todo o potencial das zonas que visita”

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou, esta tarde en dúas das presentacións da programación de Galicia que se levaron a cabo na 41º Feira Internacional de Turismo que se celebra esta semana no recinto feiral Juan Carlos I de Madrid. A Xunta participa cunha caseta de mil metros cadrados que serve de escaparate para mostrar a oferta turística de Galicia e as súas excepcionais posibilidades, ao coincidir a recuperación do sector coa celebración dun dobre Ano Santo.

Trenor destacou que estes días Galicia mostrarase como un destino turístico seguro co Camiño como refuxio de peregrinos, grazas ao traballo realizado nos últimos meses para adaptar os albergues e os roteiros ás condicións sanitarias esixidas pola pandemia e co seguro coronavirus, que garante aos turistas cobertura en caso de contaxio ou corentena. A maiores, Galicia poderá ofrecer unha oferta paisaxística, natural e en contacto coa natureza que se adapta ao modelo predominante polo que se inclina a demanda logo da crise da covid-19.

O delegado territorial destacou, na súa intervención, que “a comunidade galega se presenta nesta feira como un destino no que os seus principais atractivos residen no patrimonio, na natureza, na mar e na cultura galega”. Neste senso, apuntou que “o Barbanza conta con todos estes recursos polo que cumpre con todas as condicións para captar un turismo de calidade que busca viaxar sen présas e aproveitar todo o potencial das zonas que visita”.

Trenor participou, esta tarde, en dúas presentacións, concretamente, na de “O itinerario cultural a Santiago da Ría Muros-Noia”, organizada polo xeodestino Barbanza-Arousa e na de “A Orixe”, organizada polo xeodestino Ría de Muros-Noia

Trenor destacou que os xeodestinos son unha peza fundamental xa que permiten a colaboración proactiva cos concellos que os conforman para lograr desenvolver todo o potencial dos recursos turísticos dun territorio. Neste senso apuntou que o xeodestino Ría de Muros-Noia logrou colocar no mapa turístico “este espazo ao sur da provincia que o ten todo para extractar nunha soa viaxe a esencia da nosa comunidade”. O representante do Goberno autonómico lembrou os grandes valores turísticos deste territorio único grazas ao seu mar e aos seus tradicionais portos pesqueiros. Ademais, ofrece aos visitantes espectaculares paisaxes e unha parte significativa da nosa historia que se descobre visitando os casos antigos das súas vilas ou o castro de Baroña, no que podemos constatar que esta ría xa era un bo lugar para vivir hai miles de anos”. Trenor lembrou que a Xunta de Galicia implicouse no desenvolvemento turístico desta asociación mediante achegas que superaron os 190.000 euros nos últimos catro anos.

Na súa intervención na ponencia “A Orixe”, Trenor subliñou que “é a segunda vez que se presenta en Fitur pero nesta ocasión estamos aquí coa importante novidade de que se levou a cabo a oficialización pola Igrexa deste Camiño para poder obter a Compostela”.

O delegado da Xunta lembrou que o Barbanza ten unha íntima e indiscutible relación coa lenda da Traslatio, xa que a barca de pedra co corpo de Santiago el Zebedeo remontou a ría de Arousa. Nesta liña, felicitou á asociación Amigos do Camiño do Barbanza e Arousa e á mancomunidade que integra os concellos de Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo, polo seu arduo traballo de investigación, cun gran rigor técnico e histórico, para acadar esta nova ruta que engrandece o patrimonio Xacobeo de todos os galegos. “Ruta que coa do Mar de Arousa-Río Ulla converten a Barbanza-Arousa no único destino no que se pode obter a Compostela por vía marítima e terrestre”, recalcou o delegado da Xunta.

Trenor apuntou que a Xunta colaborou coa macomunidade Barbanza-Arousa, nos últimos catro anos, con máis de 310.000 euros para poder levar a cabo as súas iniciativas que culminaron co recoñecemento da nova ruta do Barbanza-Arousa que desde Corrubedo invita a viaxar desde o punto de partida da tradición Xacobea seguindo as terras do Barbanza ata chegar a Santiago.