Este punto físico de asistencia na Sagrada Familia é unha das novidades do servizo co que colabora o Concello, en que se lles dá asistencia a todas as persoas do colectivo que se acheguen ao número 68 de Cardenal Cisneros
A concelleira de Igualdade, Yoya Neira, presentou este mediodía o balance de 2020 realizado polo Observatorio Coruñés contra a Legtbifobia xunto ao vicepresidente de ALAS, Carlos Emilio Mella. A edila destacou que o colectivo dispón desde hai meses dun local na Sagrada Familia, na rúa Cardenal Cisneros, 68, desde o que se recibe de forma persoal a toda a veciñanza que necesite atención de calquera tipo.
Neira destacou que neste ano tan duro, “non nos podemos esquecer deste colectivo porque a pesar da igualdade formal, segue sufrindo situacións de discriminación e rexeitamento”. A concelleira recalcou que esa igualdade non se poderá conseguir se non se traballa de maneira conxunta, sociedade civil e administracións, e recordou que o 8% das persoas enquisadas pola Axencia de Dereitos Fundamentais da UE afirmaron recibiren agresións fisicas ou sexuais o pasado ano: “O 20% padeceron algún tipo de discriminación no ámbito laboral”. Neste aspecto, engadiu que os esforzos se deben centrar na xuventude co fin de lle dar a confianza suficiente para que poida levantar a bandeira”.
Pola súa parte, Mella comentou que “séguenos custando chegar ás persoas maiores de 50 anos pola fenda xeracional”, e remarcou que co local físico, poden asistir a toda esa xente que non usa as novas tecnoloxías. Engadiu que unha parte importante do seu traballo consiste en orientar legalmente e traducirlles a normativa a persoas migrantes, que en moitos dos casos entraron en ERTE durante todo este tempo. Mella afirmou que a vía prioritaria continúa sendo o teléfono e que a principal razón pola que pediron axuda foi a soidade. Explicou tamén que a pandemia lles reduciu o círculo ás persoas LGTBi, polo que moitas tiveron que estar no “armario” as 24 horas e iso supuxo un detrimento da súa saúde mental.
O responsable sinalou que se rexistraron 48 manifestacións de odio a este colectivo en 2020, das que 41 corresponderon a agresións, a maioría na vía pública. Destas, o 48% foron casos de acoso, 21% de insultos, e un 17% foron agresións físicas e verbais. Así mesmo producíronse actos vandálicos na cidade como a destrución de bancos coas cores da bandeira do colectivo: “Desde os colexios indícannos que cando a rapazada sae dos institutos, o acoso segue nas redes sociais e que é unha cuestión moi difícil de xestionar”.