Acorda un novo protocolo coa Xunta para axilizar a urbanización de Xuxán, cun investimento de máis de 15 millóns de euros
Luz verde á licitación das obras de renovación dos campos de fútbol da Cidade Deportiva A Torre Arsenio Iglesias
Os traballos para a rehabilitación do mercado de Monte Alto licitaranse antes do 30 de xuño
Tras a Xunta de Goberno local realizada esta mañá, a alcaldesa, Inés Rey, anunciou que o executivo impulsa proxectos por un importe de máis de 22 millóns de euros. Entre os proxectos están os desenvolvementos urbanos en Xuxán e Someso prioritarios para a cidade e que supoñen a creación de 3.000 vivendas, máis da metade de protección oficial. “Isto significa apostar de xeito firme pola creación de vivenda pública, un dos obxectivos do meu mandato”, apuntou.
No caso de Xuxán, dixo, coa aprobación da sinatura dun novo protocolo coa Xunta impúlsanse definitivamente as obras de urbanización deste barrio. Unha actuación, que levaba anos paralizada, que supón un investimento de máis de 15 millóns de euros, o maior do mandato. A alcaldesa anunciou que a licitación destas obras está prevista para antes do 30 de xuño e a adxudicación antes de 2022. “Poñemos en marcha outra actuación clave para o desenvolvemento dun barrio que levaba anos paralizado. Grazas á aprobación deste protocolo, a Xunta adiantará o pago de 3 millóns de euros para que licitemos e adxudiquemos as obras de urbanización de Xuxán”, explicou.
No caso de Someso, a aprobación definitiva do proxecto permitirá agora conceder licenzas que levaban tempo paradas e que non se podían tramitar.
CAMPOS DE FÚTBOL
Doutra banda, a rexedora anunciou a licitación das obras para a renovación dos campos de fútbol da Cidade Deportiva A Torre Arsenio Iglesias. Un proxecto que estaba paralizado desde 2006. As obras teñen un orzamento dun millón de euros e servirán para que catro campos dispoñan de herba artificial, instalar a rega automática en zonas verdes e reparar os vestiarios dous e tres. A alcaldesa, lembrou a situación en que se atopan estes terreos de xogo que, por mor do paso do tempo, supoñen un perigo para as nenas e nenos, polo que a súa mellora e prioritaria: “Esta reforma responde ao meu compromiso co deporte e a mellora das instalacións para a práctica deportiva”, dixo.
MERCADO MONTE ALTO
Tamén se autorizou a licitación das obras de reforma da praza, da escola infantil e do mercado de Monte Alto cun orzamento de 3.779.132 euros en tres anualidades e un prazo de execución de 2 anos. “Esta actuación, pendente desde hai oito anos, é unha mostra máis do compromiso do Goberno local coa modernización dos mercados municipais para a súa rexeneración e posta en valor, así como a rehabilitación de espazos públicos”, subliñou Rey.
Mentres duren as obras habilitarase na praza de Indalecio Prieto un mercado provisional co fin de que as e os praceiros non teñan que paralizar a súa actividade comercial. Cámbiase a imaxe do inmoble con novas zonas verdes e elementos de conexión co barrio que mellorará tamén en equipamentos cun aparcadoiro máis accesible, un elevador para as persoas usuarias da praza e un segundo de uso público que garante a accesibilidade de toda a veciñanza. No lado norte, incorporarase a escola infantil e o mercado terá unha maior conexión co exterior.
CESIÓN PARCELA SERGAS
Ademais, o goberno local deulle luz verde á cesión gratuíta dunha parcela ao Sergas por valor de 2,3 millóns de euros que responde ao compromiso do executivo de Inés Rey coa sanidade pública e dálle cumprimento ao convenio de colaboración coa Xunta para a construción do novo CHUAC. O Pleno aprobou por unanimidade en marzo o cambio de uso desta parcela de Eirís que se destinará a usos sanitarios u outros complementarios como laboratorios de investigación e docencia.
COLECTOR RIAZOR
Na Xunta de Goberno desta mañá, acordouse encargarlle á Edar Bens, como medio propio do Concello, as obras para arranxar a comporta do colector de Riazor na zona EDAR Bens por un importe de 521.567 euros co fin de garantir o correcto funcionamento da depuradora de Bens, xa que desde hai anos existe un problema que provoca a entrada de auga salgada na estación.