A Administración autonómica adiantará 3 millóns de euros que permitirán rematar as obras da primeira fase
Será responsabilidade do Concello a licitación e adxudicación das actuacións de urbanización
A Xunta, que é propietaria de aproximadamente a metade do solo, sumará xa 15 millóns de investimento no ámbito
A Xunta de Galicia e o Concello da Coruña ratifican a súa colaboración para axilizar a urbanización do barrio de Xuxán, coñecido antigamente como Parque Ofimático, un ámbito cunha superficie total de preto de 350.000 m2 e un aproveitamento urbanístico de 382.313 m2.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda —a través de Xestur—, o Concello da Coruña e tamén a Asociación Parque Ofimático 2010 —integrada polas entidades e propietarios que participan no aproveitamento urbanístico do ámbito— asinarán proximamente un protocolo de colaboración, unha vez sexa autorizado pola Xunta de Goberno Local —mañá— e polo Consello de Administración de Xestur —tamén esta semana—.
Así, a través do protocolo, a Xunta adiantará o pago de 3 millóns de euros para rematar as obras da primeira fase do barrio de Xuxán, mentres a Administración local licitará e adxudicará as actuacións correspondentes a esa primeira etapa.
Deste xeito, o Goberno galego facilitará a execución das obras necesarias adiantando o pago correspondentes ás cotas 5ª e 6ª, que deberá xirar o Concello aos propietarios do solo unha vez licitadas (5ª cota) ou executadas (6ª cota) as actuacións. Co fin de simplificar o proceso, a empresa pública Xestur pagará por adiantado ao Concello os devanditos 3 millóns, nun prazo máximo de 45 días dende a sinatura do acordo.
Pola súa parte, o Concello comprométese a axilizar a contratación das obras de finalización da primeira etapa, informando a Xestur e á asociación do estado de tramitación e execución.
Finalmente, a Asociación Parque Ofimático 2010 comprométese a colaborar coa Administración local na elaboración e xestión das derramas que correspondan aos seus asociados e a cooperar na resolución dos conflitos que poida xurdir.
O acordo tamén establece que, unha vez adxudicadas as obras de urbanización previstas, o Concello poderá conceder novas licenzas de edificación nas parcelas resultantes, co fin de contribuír a axilizar a construción de inmobles.
Da mesma maneira, o protocolo indica que as licenzas de primeira ocupación das vivendas construídas sobre as mesmas se solicitarán unha vez recepcionadas pola Administración local as obras de urbanización, cando as parcelas acaden a condición de solares e as actuacións de construción dos inmobles estean rematadas.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliña que a sinatura do protocolo “facilitará rematar coa maior brevidade as obras de urbanización da primeira etapa do barrio, co fin de cumprir as determinacións do planeamento urbanístico, co obxecto de que as parcelas afectadas poidan acadar a condición de solar e para así activar un maior número de vivendas de protección oficial”. “Grazas á colaboración do Concello permitiremos a diversos colectivos acceder nunhas condicións de prezo razoables a satisfacer o seu dereito de vivenda”, engade.
Pola súa banda, a alcaldesa, Inés Rey, asegura que este é un paso definitivo para a urbanización de Xuxán, que se materializará coa licitación das obras de urbanización, unha vez asinado o protocolo que se aprobará mañá. “Desbloquéase outra actuación clave para o desenvolvemento dun barrio que levaba anos paralizado e que agora impulsamos coa Administración autonómica”, sinala.
Continuación do protocolo de 2016
Cómpre lembrar que este acordo é unha continuación do asinado pola Xunta, o Concello e a Asociación Parque Ofimático no ano 2016. Naquela ocasión, Xestur realizou un adianto de 4,2 millóns de euros para a execución das obras de urbanización xa realizadas. Dese adianto quedou un remanente de 728.149,77 euros a favor da empresa pública, polo que esa parte dos 3 millóns de euros acordados xa está nas contas do Concello.
A Xunta, que é propietaria de aproximadamente a metade do solo, sumará así 15 millóns de euros de investimento na urbanización barrio de Xuxán, tendo en conta este protocolo e os 12 que destinou ata o momento actual.