Friday 22 de November de 2024

Yoya Neira preside os plenos dos consellos de Inclusión Social e de Saúde para elixir as súas vicepresidencias


A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación encabezou esta mañá no Centro Cívico dos Mallos ambas as sesións en que tamén se votaron os membros das comisións permanentes

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, presidiu esta mañá no Centro Cívico dos Mallos as sesións ordinarias do Consello Sectorial de Inclusión Social e do Consello Sectorial
de Saúde, en que se elixiron por votación as persoas que ocuparán as súas vicepresidencias e os membros das comisións permanentes. No Consello de Inclusión Social, formado por 34 entidades, saíu nomeada como vicepresidenta Mercedes Casanova Díaz, da Cruz Vermella, e as e os seguintes vogais para a comisión permanente: Concepción Rey Pedreira (Banco de Alimentos), María
Cendán Castillo (Boanoite), Pilar Farjas Abadía (Cáritas), Sonia Valbuena García (Casco), José Francisco Hurtado Durán (ONGD Senvalos), Almudena Rendueles Ares (SOS Racismo) e Ana Belén Louzán García (Viraventos).

O Consello Sectorial de Inclusión Social concíbese como un espazo para asesorar, informar, debater, estudar, propor e traballar en rede, cuxo fin é “achegarlles a política de inclusión social municipal ás entidades que traballan nesta cuestión, así como mellorar o coñecemento da situación social da cidade e valorar a actividade e os orzamentos vinculados ao ámbito da inclusión social municipal”, sinalou Yoya Neira, quen explicou que “os grupos de traballo que se forman estudarán os programas sociais que pidan unha reflexión máis exhaustiva”.

Por outra banda, o Consello Sectorial de Saúde, cuxa sesión ordinaria tivo lugar a posteriori e no que participan 38 entidades da cidade, votou como vicepresidente Gerardo Rodríguez Velo, de AGALURE, e as e os seguintes vogais para a comisión permanente: Fátima Pérez Pérez (ABAC), María Pilar Blázquez Ballesteros (Colexio Oficial Terapeuras Ocupacionais), Gustavo Paseiro Ares (Colexio de Fisioterapeutas de Galicia), Maira Vilar Pumares (Colexio de Traballadores Sociais), Ramón Veras Castro (SOS Sanidade Pública), Sergio Santos del Riego (Universidade da Coruña) e José Manuel González León (Liga Reumatoloxía Galega).

Este consello está destinado a canalizar a participación cidadá nos asuntos municipais que poidan ter inciencia na saúde e co que o Goberno local pretende, apuntou a concelleira, “impulsar e levar a cabo medidas que sirvan para mellorar a calidade de vida da cidadanía, sempre en colaboración coas entidades sanitarias da cidade”.