Saturday 16 de November de 2024

Boqueixón celebrou o Día das Letras Galegas cun festival que combinou artes escénicas, animación á lectura e premios literarios


A Casa da Cultura de Camporrapado acolleu a entrega de galardóns do VII Certame de relato curto Xosé Neira Vilas

O Concello de Boqueixón conmemorou o Día das Letras Galegas cun festival. Preto dun cento de persoas déronse cita o pasado domingo na Casa da Cultura de Camporrapado para gozaren dunha mañá chea de actividades.

A xornada comezou co espectáculo teatral e musical para público familiar A mestra da lingua. A compañía Duende Sico foi a encargada de poñer en escena esta peza que animou a grandes e rapazada con divertidos contos e xogos.

A continuación, tivo lugar a entrega de premios do VII Certame de relato curto Xosé Neira Vilas. O concurso literario dirixido a escolares de Educación Primaria e Secundaria do municipio de Boqueixón contou cun total de 52 traballos presentados.

O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, foi o encargado de presidir este acto. Estivo acompañado polo presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Fernando Redondo; polo director do CPIP Antonio Orza Couto, José María Silva, e polo presidente da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio, Xosé Manuel Lobato.

O rexedor boqueixonés salientou a importancia de desenvolver iniciativas culturais deste tipo, que animan á rapazada a “deixar voar a súa imaxinación a través das verbas”. Ademais, agradeceu “o apoio prestado tanto pola Fundación Xosé Neira Vilas como polo CPIP Antonio Orza Couto, sen os cales non sería posible este certame literario” e “a colaboración da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio na lectura dos traballos presentados a concurso”.

O certame estableceu tres categorías: 3º e 4º de Educación Primaria; 5º e 6º de EP, e Secundaria. Cada unha delas con tres galardóns. Así,ademais de cadanseu diploma e un lote de libros compiladores cos 9 relatos premiados, o primeiro posto recibiu un vale de 125 € en material escolar; o segundo, 100 €, e o terceiro, 75 €. As rapazas e os rapaces premiados foron:

1ª categoría: 3º- 4º de Educación Primaria

• 1º premio: A nena moura, de Nerea Rendo Sánchez
• 2º premio: Xela e Fidalgo, de Carolina Fernández Chas
• 3º premio: Ximena e a serpe máxica, de Diana Neira Varela

2ª categoría: 5º – 6º de Educación Primaria

• 1º premio: Un soño cumprido de Simón Rouco González
• 2º premio: A viaxe do descubrimento de Mario Devesa Collazo
• 3º premio: O polbo futbolista e defensor do mar, de Lucía Sánchez Raviña

3ª categoría: Educación Secundaria
• 1º premio: O caderno de Pitágoras, de Candela Suárez Méndez
• 2º premio: A porta á felicidade, de Noa Méndez Picallo
• 3º premio: O legado, de Carlota Romay Soutullo

Lectura dramatizada

O Festival das Letras Galegas completouse cunha lectura dramatizada de textos de Xosé Neira Vilas, Fillo Adoptivo do Concello de Boqueixón. Elisa Barreiro foi a encargada de lembrar as verbas do escritor de Gres.

O Concello de Boqueixón entregou tamén un lote de libros compiladores deste certame ás entidades colaboradoras co VII Certame de relato curto Xosé Neira Vilas. Os relatos gañadores poderanse consultar na web municipal, onde estará dispoñible a publicación en formato dixital.