Economía e Industria apoiará con 2,5 millóns de euros a incorporación do smart commerce, novas ferramentas de xestión e melloras na presentación dos produtos
A Consellería de Economía e Industria abrirá este vindeiro xoves, 12 de febreiro, o prazo de presentación de solicitudes do programa de axudas para impulsar a calidade e a innovación no sector comercial e artesán galego, dotado con 2,5 millóns de euros.
A través desta convocatoria, que forma parte do programa de renovación do tecido comercial galego, os comercios e as empresas artesás poden obter axudas para a posta en marcha de novos sistemas de comercialización e información ao consumidor que combinen o comercio on line e o off line ou que impliquen a utilización das redes sociais para a venda, avanzando así na incorporación do smart commerce, baseado na interrelación co cliente, complementando a súa experiencia de compra presencial cos diferentes canais comerciais.
Tamén para a implantación de ferramentas que melloren a xestión do negocio e o deseño dos seus produtos que non fosen utilizadas con anterioridade; e para o desenvolvemento e implantación de novos sistemas de packaging e etiquetado. Para este tipo de iniciativas tanto comerciantes como obradoiros artesanais poden sumar axudas de ata 11.500 euros.
Ademais, como novidade os comerciantes poden obter apoios de ata 6.000 euros para o acondicionamento do local comercial, e para medidas orientadas á mellora da imaxe exterior e a adquisición de moblaxe e equipamento.
Dentro desta orde, no marco do impulso ao asociacionismo comercial como un dos eixos da estratexia específica de apoio ao sector, con diferentes programas ao longo do ano, as federacións de comerciantes poderán optar a apoios de ata 3.000 euros para o desenvolvemento de sistemas de m-commerce (comercio a través do móbil), aplicacións e webs móbiles.
Impulso á competitividade do sector artesán
Nesta mesma convocatoria, cuxa publicación no DOG está prevista para este mércores día 11 e cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto un mes, apoiarase con ata 63.000 euros ás asociacións profesionais de artesáns no desenvolvemento de sistemas de etiquetado intelixente, que acheguen información sobre os produtos e o seu proceso de elaboración. Estas entidades tamén poderán desenvolver con ata 56.000 euros de axuda proxectos de deseño e creación de novos produtos a partir da colaboración de dous ou máis artesáns e un deseñador.
Os apoios ás asociacións e ás empresas artesás enmárcanse no Plan de Artesanía de Galicia, unha folla de ruta que ten por obxectivo conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento.
Con esta nova convocatoria, a Consellería de Economía e Industria leva xa activados nos primeiros 40 días do ano programas de apoio ao sector comercial por 7,6 millóns de euros. Dentro tamén do programa de renovación do tecido comercial, a Consellería de Economía e Industria ten aberto ata o 31 de agosto a convocatoria de axudas para a transmisión comercial, dotada con 150.000 euros, co obxectivo de impulsar o emprendemento e a continuidade da calidade do sector en Galicia.
Os transmisores, que deben ter 64 anos ou máis no momento da presentación da solicitude, poderán recibir axudas de 800 euros mensuais ata a idade ordinaria de xubilación, ata un máximo de 12.800 euros, ou un único pago de 800 euros se xa a teñen. Os que retomen a actividade recibirán apoios por 2.000 euros, e formación por parte do comerciante experimentado.
Están activos tamén os programas de apoio aos concellos galegos para o impulso dos mercados, dotado con preto de 3 millóns de euros e cofinanciado con fondos Feder, así como a convocatoria de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, cun orzamento de 2,2 millóns.