O Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Brión acudiu ás 22:30 horas de onte luns ata o lugar de Vioxo de Arriba (Brión), alertados polo derrubamento de parte do muro dunha casa abandonada. Na incidencia só houbo que lamentar danos materiais, xa que a vivenda derrubouse case por completo.
Na saída participaron catro técnicos do GES de Brión cos dous camións, Bomba Urbana Lixeira (BUL) e Autoescalera Automática (AEA). O seu traballo consistiu en asegurar a zona, para o que procederon á retirada do escombro caído e en risco de caer á rúa, así como en retirar aquelas paredes da vivenda que presentaban un alto risco de desprendemento á rúa. Unha intervención na que se traballou principalmente coa nova incorporación ao GES de Brión: a Autoescalera Automática, que permite acometer actuacións en altura que ata o momento non se podían realizar.