Rosalía, o lugar onde medran as poetas
O Concello de Fene lembra esta semana á escritora galega máis universal co espectáculo “Rosalía, o lugar onde medran as poetas”. A función terá lugar o domingo, 23 de maio, ás 12.00 horas no CCRD de Perlío e vai dirixida ao público familiar, aínda que está especialmente recomendada para nenas e nenos maiores de 8 anos. Entrada de balde até completar o aforo (55 persoas), atendendo á normativa Covid.
Rosalía, o lugar onde medran as poetas é unha obra realizada por unha equipa de mulleres “intensamente vencelladas ao teatro de palabras para espectadores e espectadoras que viven no país da infancia”. Dirixe a peza a actriz e directora Fina Calleja, responsable de moitas das montaxes infantís e xuvenís da premiada compañía Sarabela. Dúas actrices forman o reparto, Rocío González e Cristina Collazo, as dúas imprescindibles nos últimos anos nos escenarios máis variados e nas pantallas da televisión e do cine de Galicia.
En canto ao argumento da peza, “María Rosalía Rita tamén foi nena. As biografías non o contan, pero unha das grandes voces literarias da historia tamén foi nena e foi a nena que cantaba e xogaba, que lía e comía chocolate. Esta Rosalía que aínda non precisaba apelidarse de Castro e que está a piques de marchar a Santiago é a protagonista desta obra de teatro que quere contarlles ás nenas e aos nenos que a infancia é o lugar onde medran as poetas: entre rebeldía, as lecturas, a curiosidade, o xogo e as cancións con rimas e sen autor”.
Rosalía é moito máis que un achegamento teatral á vida de Rosalía de Castro, é un espectáculo necesario para dar a coñecer á nosa rapazada unha figura imprescindible da literatura, a cultura e a historia de Galicia. Esta Rosalía reivindícase como nena, como muller dona do seu destino, rebelde e con poder. No país da infancia, a autora galega irá descubrindo os temas que conformarán as constantes da súa futura obra, principalmente a súa autonomía e liberdade sobre todas as cousas, superando as conviccións sociais e todo o que se agarda de ela como muller. Brillante, combativa e librepensadora, Rosalíanena camiñará á igualdade, paso a paso, aprendendo da súa nai e das mulleres que lle rodean a base dos seus futuros poemas que suporán todo un alegato de empoderamento femininio e reivindicación.
Actividade programada co gallo do Día de Rosalía que se conmemorou a finais do pasado mes de febreiro e que o Concello de Fene acordou adiar por mor da pandemia e da situación sanitaria na bisbarra. Organiza a Concellería de Cultura coa colaboración do Departamento de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña.