Friday 22 de November de 2024

O Concello amplía os prazos de “San Sadurniño en flor”


O Concello publicará desde hoxe unha serie de pequenos videotitoriais para que a planta luza o mellor posible

A planta do certame “San Sadurniño en flor” está toda repartida. Agora só falta que o tempo dea tregua para poder armar as composicións florais da maneira máis lucida posible e ter así máis posibilidades de levar algún dos 35 premios que se concederán nas catro categorías do concurso. Pero para iso, para que os xardíns estean ben vistosos, fai falla que a planta facilitada polo Concello prenda -no caso de que se trasplante- e que mostre todas as súas cores. Por este motivo, a área de Desenvolvemento local decidiu ampliar noutros 20 días o prazo para poñer a flor e enviar as tres fotografías sobre as que se xulgarán as mellores composicións. Esta ampliación tamén significa retrasar a entrega de premios, que agora cadrará coa fin de semana en que tocaría celebrar Santa Isabel.

Deste modo, a nova data límite para mandar as imaxes ao whatsapp 616 332 919 ou ao correo agustin.perez@sansadurnino.gal será o 20 de xuño. Débese recordar que só se poderán mandar tres fotografías e que polo menos unha delas debe estar tomada desde a vía pública para poder comprobar que se cumpre o requisito de que a composición é visible desde fóra da finca. Ademais tamén se debe colocar á vista o pequeno cartaz da iniciativa que se entregou xunto co lote de flor. No caso de que as fotos enviadas sexan defectuosas ou non cumpran este requisito, daráselles ás persoas participantes até o 23 de xuño para que saquen outras e volvan mandalas.

O xurado estará formado por unha persoa por parte do Concello e outras dúas en representación dos viveiros locais. Decidirán revisando as imaxes e, no caso de dúbidas, poderán achegarse visitar as composicións concursantes.

O seu fallo publicarase o 30 de xuño e a entrega dos 35 premios -lotes de produtos e vales para a hostalaría- farase na Casa do Concello o domingo 4 de xullo, na fin de semana en que tocarían as festas de Santa Isabel.

Máis tempo para que as plantas collan forza e consellos en vídeo
A ampliación dos prazos de “San Sadurniño en flor” -20 días máis- ten como único obxectivo darlle tempo ás plantas e flores para que se mostren como é debido, con todo o seu vigor e o esplendor das súas cores. Ademais esas tres semanas a maiores tamén dán máis marxe para probar combinacións e disposicións ata dar coa que máis convenza para presentala ao concurso.

De cara a asegurar que todas as plantas se logran e que aguantan moito tempo nas mellores condicións, o Concello preparou unha serie de pequenos vídeos protagonizados por viveiristas locais que nos darán consellos de grande utilidade e pautas sobre os coidados que requiren as plantas do lote principal distribuído nos últimos días. Os vídeos, de arredor de dous minutos de duración, iranse publicando nas redes sociais municipais cunha estrea diaria ás 20.00h. a partir de hoxe.