Friday 22 de November de 2024

Economía e Industria facilita o acceso ao mercado laboral de 200 novos titulados grazas ao programa ReAcciona


O director do Igape, Javier Aguilera, entregou os correspondentes diplomas a un grupo de bolseiros que veñen de completar o seu período formativo e destacou a importancia da súa colaboración nos procesos de implantación de proxectos de mellora nas pemes galegas

O programa ReAcciona está facilitando que arredor de 200 novos titulados teñan a oportunidade de especializarse en contacto directo co mundo da empresa, segundo salientou o director xeral do Igape durante o seu encontro cun grupo de bolseiros que veñen de rematar a súa participación no programa.

Este programa da Consellería de Economía e Industria ten como obxectivo prioritario a mellora das competencias e habilidades dos xestores das empresas, para que os cambios introducidos na xestión poidan ter carácter permanente. Nesta liña, Aguilera destacou que a profesionalización das pemes, e especialmente das de menor tamaño, é imprescindible para que poidan medrar e converterse nas empresas que necesita unha Galicia competitiva, a que se busca coa Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0.

O programa ReAcciona está nestes momentos aberto á presentación de solicitudes por empresas interesadas. Ao mesmo tempo, e ata o próximo día 10, está aberta a convocatoria 2015 para seleccionar a cen novos titulados que desexen especializarse colaborando, durante este ano e o próximo, na implantación de servizos de mellora da competitividade nas pemes.

Aguilera destacou a importancia do papel desenvolvido polos bolseiros que colaboran na implantación dos proxectos de mellora amparados polo ReAcciona. A realización de cada un destes proxectos de mellora conta co asesoramento de expertos e coa colaboración activa de bolseiros que teñen así a oportunidade de tomar un primeiro contacto co mundo laboral, en tres ou catro empresas diferentes, mentres se especializan en distintos ámbitos da xestión empresarial.
É por iso que o Igape destina un millón de euros a esta terceira convocatoria para a selección de 100 novos titulados que conseguirán formación práctica especializada colaborando como bolseiros na implantación dos proxectos de mellora que se prevén impulsar a partir deste ano. Cómpre salientar que máis da metade dos bolseiros do programa ReAcciona que completan a súa bolsa atopan emprego xusto ao rematar o seu período de formación colaborando na implantación de proxectos de mellora competitiva en diferentes pemes ou organismos intermedios.