Friday 22 de November de 2024

A Xunta mellora a eficiencia enerxética das Illas de Cortegada e de Sálvora


A Consellería de Medio Ambiente executou melloras no subministro eléctrico de ambos arquipélagos do Parque Nacional Illas Atlánticas, con novos paneis fotovoltaicos que multiplican por cinco a capacidade de xeración de enerxía

Con estas actuacións redúcese o risco de vertidos contaminantes, afórrase espazo e optimízase o sistema

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mellorou a rede eléctrica de Cortegada e Sálvora, dous dos arquipélagos que integran o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.

A Xunta impulsou un proxecto para mellorar o subministro, a través de enerxía solar fotovoltaica, para acadar unha illa máis sostible e independente enerxeticamente. As obras consistiron na potenciación de novas placas solares máis eficientes e con novas batería de litio, que ofrecen unha autonomía practicamente do 100%. O importe destas actuación elevouse a 36.000 euros.

Tanto a illa de Cortegada como a de Sálvora dispoñían dun subministro eléctrico híbrido, que consistía nunha instalación solar fotovoltaica antiga, formada por catro paneis fotovoltaicos, e que quedou obsoleta.

Así, o Parque Nacional Illas Atlánticas proxectou unha mellora enerxética, que inclúe novos paneis solares de alta eficiencia (monocristalino Half Cut), un cargador intelixente, que combina as funcións de inversor, cargador solar e cargados de batería, de xeito que ofrece apoio de alimentación ininterrompida.

Tamén consta dun conxunto de catro baterías de litio (2,4 quilovatios), polo que en conxunto ofrecen unha capacidade de 9,6 kwh, dun soporte con protección térmica para albergar as novas baterías de litio e con capacidade para acoller ata 8 unidades, e dun arranque automático (instalación eléctrica Sistema ATS) que vai incorporado ao cargador do grupo electróxeno, por se as baterías teñen unha carga baixa, e que o grupo actual non dispón desta utilidade. Asemade, as baterías de chumbo ácido foron reemprazadas por unhas de litio, herméticas, lixeiras e máis eficientes.

Outras das melloras importantes introducidas en ambos arquipélagos son os paneis fotovoltaicos. Os existentes tiñan unha capacidade de 880 vatios e foron substituídos por unha novos que teñen unha capacidade global dun total 4.500 vatios á hora, é dicir, multiplican por cinco a súa capacidade de produción de enerxía.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destaca que con este proxecto se introduciron melloras nestes espazos singulares e únicos en Galicia, reducindo o risco de vertidos, aforrando espazo e optimizando o sistema de enerxía. En definitiva, séntanse as bases para avanzar en espazos cada vez máis autónomos, limpos e sostibles que realcen o verde e azul característico desta Comunidade.