Proseguen en San Sadurniño as xornadas “Apostando polo sector primario”. Esta mañá coñecemos a experiencia de Arela Comunicación Sostible da man de Ana Díaz e David Lourido, os dous mozos que puxeron hai escasos dous anos esta empresa que traballa desde o rural e proxectos de mercadotecnia dixital.
Faláronnos sobre as oportunidades que ofrece a rede para abrir novos mercados ou para atender os que temos máis próximos, e máis aínda a raíz dos cambios nos hábitos de consumo que trouxo canda si a pandemia. Iso si, tendo moi en conta que calquera proxecto de venda a través da Internet debe ter uns obxectivos moi claros, xunto cunha estratexia adaptada ás súas necesidades e á súa capacidade para xestionar a presenza virtual.
Ademais tamén é importante construir marca desde o primeiro momento, é dicir, interactuar por distintas canles na procura de que o produto ou servizo se asocie con algo diferenzado e cunha maneira determinada de facer as cousas.
O rural está de moda, só temos que saber como vendernos coas ferramentas que temos ao noso alcance.
O ciclo “Apostando polo sector primario” continúa esta tarde con Juan Pérez e Antonio Tartaglione, quen nos falarán da experiencia da SAT Vivaz Plant de Tomiño, centrada na produción e comercialización de proximidade de produtos do agro. Mañá tocaralle a quenda ao veterinario apícola Carlos Marín Barcáiztegui abordando o problema da varroase e outras enfermidades das abellas. Para esta charla xa non hai prazas e nela tamén se darán algunhas claves sobre a xestión profesionalizada dun colmear.