O obxectivo é que se reproduzan estratexias de éxito como ‘Galicia, Pórtico Universal’
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu ao presidente e secretario do Clúster do Turismo de Galicia, Francisco González López e Cesáreo Pardal, para estudar as fórmulas de colaboración mutua na promoción, difusión e proxección turística nacional e internacional de Galicia, da man das comunidades galegas no Exterior.
Os tres dirixentes destacaron a oportunidade e idoneidade dos centros e casas de Galicia en todo o mundo para esta función, e tamén de destacadas personalidades da Galeguidade universal con amplo recoñecemento nas sociedades de acollida, moitas delas vinculadas no ámbito empresarial a negocios nos sectores de hostalaría e restauración, e que por tanto poden converterse en elementos fundamentais para a boa divulgación de Galicia en todo o mundo.
A misión fundamental desta colaboración será dar a coñecer a Galicia moderna, actual e competitiva, moi nomeadamente nun sector que está a poñer de manifesto a súa importancia, mercé a un relevante esforzo de modernización e profesionalidade. Nas próximas semanas, estudaranse en profundidade as fórmulas concretas para materializar esta colaboración, sempre da man das comunidades galegas no Exterior, con cuxa axuda e cooperación expresa contarase en todo momento para reforzar o papel de promoción exterior de Galicia que xa realizan.
A intención é que, a través deste acordo, se poñan en marcha iniciativas similares á de ‘Galicia, Pórtico Universal’, a área expositiva que xa ten percorrido diversas cidades de País Vasco, Cataluña, e Andalucía en España, Alemaña en Europa, e Arxentina en América, e que en todas elas ten conseguido un importante éxito de público, ata superar os 40.000 visitantes o primeiro ano do seu funcionamento, e os 60.000 en 2014, con máis de 1.300 accións especializadas vinculadas á estadía en cada cidade.
O Clúster
O Clúster do Turismo de Galicia promove actividades de colaboración que permitan mellorar a competitividade, a innovación e a internacionalización deste sector. O obxectivo final é potenciar a ‘marca Galicia’ como destino turístico forte, diferenciado, e situalo a escala global. Está conformado por 48 entidades que agrupan toda a cadea de valor do sector turístico, entre federacións, consorcios e asociacións provinciais e galegas, e que representan o 90% do sector turístico de Galicia, agrupando a un total de 5.913 empresas.
O Clúster constitúese asemade como punto de encontro do sector e fomenta o intercambio de información e experiencias que poidan ser de aproveitamento para todos os axentes implicados, aglutinando os intereses das múltiples asociacións que integran as empresas, servizos e equipamentos turísticos, así como os seus profesionais, nunha única entidade.
O sector turístico constitúe un dos alicerces da economía galega. Segundo os datos do último informe de Impactur, a actividade xerada polo turismo en Galicia ascende a máis de seis mil millóns de euros, o que representa o 10,6% do Produto Interior Bruto e o 11,5% do emprego, cifras que fan do Turismo una das industrias máis potentes na Galicia territorial e un dos sectores que está a xerar emprego en Galicia.