Friday 22 de November de 2024

O Museo de Belas Artes da Coruña celebra o Día Internacional dos Museos con visitas guiadas, obradoiros, música e teatro


Hoxe sábado realizaranse os percorridos para ver unha escolma de pezas da colección, obradoiros para familias e o concerto de Paul Álvarez Project

O Museo de Belas Artes da Coruña, xestionado pola Xunta de Galicia, celebra o Día Internacional dos Museos, con visitas guiadas á colección, obradoiros en familia, música e teatro. As actividades, para as que cómpre realizar inscrición, desenvolveranse ao longo de toda a semana.

Hoxe sábado haberá visitas guiadas á colección co desfrute da arte como fío condutor, polo que se contemplarán unha escolma de obras que transmitan emocións positivas. Os percorridos realizaranse ás 12,00, ás 18,00 e ás 20,00 horas. Nesta mesma xornada, desenvolveranse obradoiros en familia, unha actividade plástica baseada na colección do museo, na que pode participar a cativada de tres anos en diante.

Ademais, as portas permanecerán abertas ata as 11,00 horas, con motivo da celebración da Noite dos Museos. No marco desta conmemoración, a partir das 21,30 h. comezará o concerto de Paul Álvarez Project, unha proposta musical que fusiona flamenco e jazz e que se poderá seguir tamén en liña.

Xa o martes, as persoas que se acheguen ao centro poderán participar ás 12,00, 18,00 e 19,00 horas nas visitas guiadas á colección, novamente coa idea de desfrute da arte como fío condutor. O percorrido deseñarase a través das redes sociais para fomentar a participación colectiva e a interacción co público, que será quen realice a escolla das obras.

O museo presentará o mércores 19 o proxecto Audioguías emocionais, realizado co IES Menéndez Pidal. Nesta iniciativa, a partir dunha selección de obras do museo, o alumnado participante contará as emocións que lles causou a peza escollida e poderanse escoitar os relatos a través dun código QR, ademais de nas redes sociais.

Finalmente, o sábado 22 representaranse dous pases do espectáculo teatral Manuela é unha inuit, de Sr. López Producións, inspirada na obra de Luís Seoane Emigrante, e na que a galega Manuela Rodríguez, perdida na estación de tren de Xenebra, busca o seu fillo.