Un ano máis, o Concello de Lousame reivindica a dedicatoria dun Día das Letras Galegas á figura de Diego Antonio Zernadas de Castro, máis coñecido como o cura de Fruíme. Unha demanda reiterada hoxe coa tradicional ofrenda floral diante do busto dedicado a Zernadas de Castro nesta parroquia lousamiá que, por segundo ano consecutivo, foi realizada sen convocatoria pública por mor da situación de pandemia sanitaria.
A ofrenda foi realizada unha vez máis pola concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, quen estivo acompañada polos concelleiros de Obras, Ramón Martínez Rial, e de Relacións Veciñais, José Antonio Ces Barreiro. Silvia Agrafojo explica que “a ofrenda de hoxe non é máis ca un acto simbólico por mor dos tempos que estamos a vivir, pero a nosa reivindicación é igual de firme: Zernadas de Castro é a maior figura literaria galeguista do seu tempo e merece que se lle dedique un Día das Letras Galegas”.
Letras galegas
Diante das previsións de choiva para mañá sábado, a XIX Festa do Galego trasladarase da praza do Concello á Casa da Cultura. Aló haberá actividades lúdicas para nenos e nenas con obradoiros culturais ‘Infantilandia’ e música a cargo do piscadiscos infantil Marífaltri. Neste caso, a animación de rúa “Os velocíclopes” de Fantoches Baj queda suspendida. Ademais nesta xornada tamén se difundirá a exposición Xela Arias, ‘Aquela nena de Sarria’.
Para o luns 17 de maio, Día das Letras Galegas, está programada a inauguración dunha exposición fotográfica do Club de Xubilados. Será ás 12:00 horas no local de Xubilados de Aldeagrande e será inaugurada pola alcaldesa, Teresa Villaverde, e o presidente do Club de Xubilados de Lousame, Francisco Avelino García Nieto.
Esta exposición dá continuidade á realizada en febreiro de 2020 no centro cultural de Lousame, que reuniu máis dun cento de instantáneas de diversa temática, dende panorámicas das aldeas do municipio ata retratos, pasando por festas, romarías e oficios tradicionais.