O porto francés de La Rochelle está a traballar na organización dun ralli entre a costa gala e as Rías Baixas
Portos de Galicia está a traballar na apertura de novos mercados no ámbito da náutica recreativa a través do impulso aos chamados rallies marítimos e a captación de catamaráns de grandes dimensións nos que viaxan tripulacións destacadas en número. Trátase de dúas modalidades de negocio náutica que ata o momento viñan estando pouco exploradas na nosa comunidade e que agora preténdense explotar como una vía máis para o reforzo da rendibilidade económica dos portos deportivos de titularidade autonómica.
Dentro da súa estratexia de promoción da náutica de recreo, contemplada como un dos eixos básicos de traballo no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020 que Portos de Galicia está a executar, o ente que preside José Juan Durán, está a establecer contactos comerciais con empresas estranxeiras, fundamentalmente do norte de Europa: Francia, Reino Unido, Alemania e países nórdicos. Neste marco de encontros promocionais e de negocios, o ente público ten establecido xa liñas de traballo con empresas europeas para o desenvolvemento de rallies e a captación de chegadas de catamaráns aos portos galegos.
No que aos rallies se refire, trátase dunha actividade na que pequenas flotillas de entre 20 ou 30 embarcacións desenvolven unha expedición de navegación en grupo. Neste sentido, o porto francés de La Rochelle, un dos máis destacados do Arco Atlántico en actividade náutica, está a traballar na organización dun ralli entre a costa gala e as Rías Baixas; iniciativa na que Portos de Galicia colaborará en todo o necesario.
Finalmente, polo que atinxe á captación de catamaráns, o ente público dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, pretende impulsar a chegada deste tipo de embarcacións de grandes dimensións aos peiraos galegos, tanto como tránsitos como para a hibernada. Non en van, as amplias tripulacións e pasaxe que navegan neste tipo de catamaráns e a demanda que xeneran no sector servizos e no auxiliar da navegación e reparación de barcos, poden supoñer un nicho de mercado destacado para os municipios e o tecido empresarial dos municipios con portos deportivos.
En recentes eventos náuticos internacionais, Portos de Galicia recolleu xa o interese en firme de firmas estranxeiras interesadas en chegar a acordos nesta liña. En concreto, a franxa litoral de Costa da Morte resulta unha das máis atractivas para captar estes tráficos dado o seu carácter estratéxico nas rutas de navegación entre o norte eo sur de Europa e Mediterráneo.