Friday 22 de November de 2024

O Concello de Fene ultima a renovación das carpintarías e a adaptación dos baños da casa consistorial


Durante esta última semana completouse a instalación dos novos ventanais da Casa do Concello de Fene, como parte dun proxecto financiado con cargo ao POS+ que persegue mellorar o illamento térmico do edificio e adaptar os aseos dos distintos andares á normativa de accesibilidade. Os traballos, executados por Desarrolla Obras y Servicios, adxudicáronse en 176.787 euros, ive incluido. Un importe que, porén, se verá incrementado finalmente en arredor de 14.000 euros debido a varios aspectos que non ían recollidos no deseño técnico e que agora cumprirá corrixir. En calquera caso, desde o Goberno local agárdase que as obras finalicen en breve, de cara a recuperar o normal funcionamento dos distintos servizos que se viron afectados, ao igual que as persoas usuarias, polo desenvolvemento destas melloras.

O cambio máis substancial que se vai notar na sede municipal é o relativo ao cambio de todos os vidros exteriores. Desde fóra, en aparencia, o Concello segue igual. Porén, os novos cristais teñen a característica de reducir ao mínimo a radiación solar que pasa ao interior e, ademais, ofrecen un mellor illamento térmico.

Deste modo melloraranse as condicións de traballo do persoal situado nas dependencias que dán á fachada sur -que, literalmente, abafaban no verán- e garantirase unha temperatura máis estable ao longo do ano, algo que se traducirá tamén nunha redución considerable do gasto en calefacción e en aire acondicionado.

Por outra banda, esta parte do proxecto tamén implicou o cambio das carpintarías, que agora van mellor seladas coa finalidade de impedir a entrada do aire e da humidade.

Adaptación dos aseos
A segunda parte do proxecto acollido ao financiamento do POS+ de 2020, consistiu nar remodelación dos aseos. O edificio -inaugurado en 1980- mantiña a mesma configuración dos lavabos e sanitarios desde hai corenta anos, razón pola que as obras se dirixiron principalmente a mudar alicatados, fontanarías, anchear portas e marcos e instalar varandas. É dicir, renovarlles o aspecto e, sobre todo, dotar cada un dos andares con polo menos un aseo accesible para persoas con mobilidade reducida.

Este será un dos aspectos que comerá boa parte dos 14.000 euros de sobrecusto que terán as obras, posto que, segundo explica Juventino Trigo, no proxecto de obra deseñado en 2019 por un estudio externo “había aspectos que non se contemplaron”. Entre eses aspectos estarían “cousas básicas”, como por exemplo o pintado e enlucido dos teitos ou o tapado das fontanarías, ademais doutras cuestións imprevistas “que agora se deben subsanar”, lamenta o rexedor.

O alcalde agarda, porén, que estas cuestións “se resolvan o antes posible” e que a casa consistorial poida recuperar “a vida normal”, despois de varios meses afectada polo desenvolvemento dos traballos.