A alcaldesa, Inés Rey, anunciou o comezo das obras de reforma da rúa Pintor Joaquín Vaamonde, que contará cunha plataforma única
A alcaldesa Inés Rey anunciou hoxe a súa decisión de manter as peonalizacións provisionais establecidas durante o estado de alarma co fin de consolidalas continuando o proceso de ampliación e mellora do espazo público que vén facendo desde o comezo do mandato. De feito, comezará nas vindeiras semanas a reforma definitiva da rúa Monte das Moas que foi unha nas que se eliminou a circulación de vehículos durante a pandemia. “A nosa intención é consolidar estas penalizacións coas obras de humanización que estamos a realizar en distintas rúas”, apuntou a rexedora. A seguinte das actuacións será a consolidación da rúa San Leopoldo, Compostela e Alcalde Marchesi, para as que xa están entregados os proxectos de execución.
Neste senso, lembrou que está en marcha a ampliación do espazo peonil nos Cantóns cunha actuación de mantemento que permitirá gañar 5.500 m2 para as peoas e os peóns. Rey lembrou o espazo gañado no Paseo Marítimo para as persoas viandantes, máis de 4.500 m2, no que se implantou un carril para correr ou un novo carril bici.
Por outra banda, Inés Rey, anunciou que a vindeira semana comezarán as obras de reforma das rúas Pintor Joaquín Vaamonde co fin de mellorar o pavimento da calzada e ampliar os espazos públicos. Implantarase a plataforma única coa idea de reducir a presenza de vehículos na calzada e darlles maior protagonismo ás persoas viandantes. A reforma ten un orzamento de 163.007 euros e executarase en tres meses. Neste caso as prazas de residentes desta rúa trasladaranse ás rúas limítrofes, como Menéndez Pelayo e Pardo Bazán.
Neste proxecto, que foi demandado pola veciñanza e a asociación de comerciantes, os pavimentos seguen o modelo das rúas urbanizadas recentemente como Emilia Pardo Bazán e Federico Tapia. Ademais, melloraranse os servizos públicos e instalaráse nova iluminación pública, mobiliario urbano e árbores. O mobiliario deséñase especialmente para esta proposta. As novas pezas de banco evitarán estacionamentos indebidos dos automóbiles. O obxectivo destas obras é calmar o tráfico rodado e ampliar os espazos peonís que lle garantan unha mellor calidade de vida á veciñanza.