En vésperas do Día mundial da reciclaxe, que se celebrará o vindeiro 17 de maio, a responsable autonómica salienta o compromiso coa recollida selectiva de toda a sociedade galega que, asegura, “recicla cada vez máis e mellor”
Entre os meses de febreiro e abril, os concellos de Arteixo, Lalín, Ourense, Ponteareas, O Porriño, Ribeira, Sanxenxo, Tui e Viveiro cumpriron o reto de aumentar nun 10%, como mínimo, os residuos depositados no contedor amarelo
Os gañadores da segunda edición do concurso, impulsado pola Xunta e Ecoembes, poderán destinar os 2.000 euros do premio a unha causa social da súa elección
Cada galego reciclou o ano pasado ao redor de 15 kg de envases lixeiros (plásticos, latas e briks) no contedor amarelo. Así o avanzou esta mañá en Sanxenxo a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que a falta dos datos definitivos de 2020, indicou que se prevé un incremento de aproximadamente un 13% nas taxas de reciclaxe deste tipo de residuos.
Durante a entrega de premios da campaña Únete ao reto, a responsable autonómica puxo estas cifras como exemplo da boa evolución que ten experimentado na Comunidade a recollida selectiva ao longo dos últimos anos. “Galicia recicla cada vez máis e mellor”, subliñou a conselleira, salientando o compromiso e o esforzo demostrados pola cidadanía co medio ambiente a través de xestos cotiás como a separación dos residuos domésticos.
Neste sentido, lembrou que a evolución positiva das taxas de reciclaxe na Comunidade tamén se percibe no caso do contedor azul, cunha media estimada de 15 kg de papel e cartón depositados por cada galego durante o ano pasado.
En total e á espera de que Ecoembes presente os datos oficiais de recollida selectiva en 2020 no conxunto de España, Ángeles Vázquez indicou que todo apunta a que Galicia manterá á tendencia de incremento da reciclaxe dos últimos cinco anos, cunha estimación total de 70.000 toneladas recollidas o ano pasado a través dos contedores amarelo e azul.
Así mesmo, tamén subliñou o importante papel que xogan as entidades locais a este respecto, colaborando na concienciación da veciñanza e na mellora das taxas de reciclaxe a nivel local a través da participación en campañas como Únete ao reto, impulsada pola súa Consellería co apoio de Ecoembes. Un compromiso municipal que, de feito, quixo poñer en valor en vésperas do Día mundial da reciclaxe, que se celebrará o vindeiro 17 de maio.
Resultados da segunda edición
Esta é a segunda ocasión na que a Xunta de Galicia e a entidade sen ánimo de lucro Ecoembes convidan ás entidades locais galegas a participar na campaña Únete ao reto coa finalidade de mellorar a reciclaxe no contedor amarelo e sensibilizar á cidadanía sobre a importancia de continuar separando correctamente o lixo que xeran nos seus fogares.
Ao igual que na primeira edición, celebrada en 2018, un total de 15 concellos asumiron o reto de mellorar as súas achegas de latas, briks e envases de plástico nun 10%, como mínimo, en comparación co mesmo período do ano pasado. Así, entre o 1 de febreiro e o 30 de abril, cada un dos municipios participantes contou cun amplo programa de accións a pé de rúa, ademais dunha campaña de comunicación en medios, publicidade exterior e redes sociais co fin de axudarlles a activar e concienciar á súa veciñanza.
Cómpre subliñar que en 2020, debido ao confinamento domiciliario decretado por mor da covid, rexistrouse un incremento xeneralizado das achegas ao contedor amarelo –estimada en máis dun 25% o que supuxo unha complicación engadida para os concellos adheridos a Únete ao reto, xa que partían de cifras de reciclaxe moi altas e, por tanto, difíciles de bater.
En total, 9 dos 15 municipios participantes este ano –concretamente, Arteixo, Lalín, Ourense, Ponteareas, O Porriño, Ribeira, Sanxenxo, Tui e Viveiro lograron superar en máis dun 10% as súas cifras de recollida de envases lixeiros en 2020, polo que recibirán un premio de 2.000 euros cada un, que poderán destinar a unha causa social da súa elección.
No caso concreto de Sanxenxo, que acolleu esta mañá o acto de entrega dos galardóns e que a conselleira quixo destacar como un bo exemplo de “municipio turístico sostible”, a contía íntegra do premio destinarase a Cáritas co fin de contribuír a axudar ás familias necesitadas do municipio.