· Esta actuación, que foi adxudicada por 126.000 euros, proxectouse acordando desde o primeiro momento o anteproxecto coas demandas dos veciños e veciñas da zona.
· A rúa será de sentido único, con beirarrúas a ambos os dous lados e zona de aparcamento.
O Concello de Cariño acaba de iniciar as obras de urbanización da rúa de Ou Cadro, o barrio con máis poboación da parroquia da Pedra. Esta actuación, que supoñerá unha reurbanización integral da vía, foi adxudicada por 126.000 euros.
Este proxecto foi totalmente participativo xa que se acordou o anteproxecto coas demandas dos veciños e veciñas da zona. En febreiro de 2019 o goberno local reuniuse cos veciños e veciñas da rúa de Ou Cadro así como coa asociación de veciños da Pedra para ofrecerlles diferentes alternativas de urbanización da vía. A decisión xurdida deste encontro foi que a vía se habilitase en sentido único, xa que o ancho actual non é suficiente para facela de dobre sentido e ademais incluír beirarrúas e aparcamento.
A actuación consiste na demolición do actual firme, en rega asfáltico, que será mellorado por unha capa de aglomerado. Despois, instalaranse beirarrúas a ambos os dous lados da vía para mellorar a seguridade peonil e, por último sinalizarase a zona creando espazo para o aparcamento a un dos lados e colocarase mobiliario urbano como bancos e papeleiras. Aproveitarase tamén a obra para mellorar os servizos de iluminación, saneamento e pluviais.
O alcalde, José Miguel Alonso Pumar, explica que “esta rúa concentra o maior número de veciños da parroquia e non podiamos conformamos cun simple asfaltado, por iso proxectamos unha actuación máis ambiciosa como a urbanización que se está executando e que inclúe rebaixar o nivel do firme, o posterior asfaltado e a creación de beirarrúas, coas que non contaba”.