Saturday 16 de November de 2024

San Sadurniño adía as actividades das Letras Galegas previstas para esta fin de semana


As áreas de Cultura e de Normalización Lingüística de San Sadurniño decidiron pospoñer a celebración das Letras Galegas programada para a tarde deste sábado e a mañá do domingo. A decisión atende á alta probabilidade de que veña mal tempo, o que impediría o desenvolvemento das actividades programadas ao aire libre.

Así, a presentación do libro “Xela Arias. Palabra á intemperie” organizada por Normalización pasará para a fin de semana que vén, sen que se concretase polo momento se vai ser o sábado ou o domingo nin tampouco o horario.

Os actos principais promovidos por Cultura nos Xardíns Municipais -circuíto das Letras, Recuncho de Xela Arias, concertos e sorteos- quedaron fixados para a mañá do domingo 23 entre as 10.00h. e as 14.00h.