Friday 22 de November de 2024

A Xunta investiu no último lusto máis de 3 M€ para converter ao laboratorio de Medio Ambiente nun referente internacional na investigación e vixilancia na loita contra o cambio climático


Ángeles Vázquez salienta que o incremento substancial da súa actividade nos últimos anos, cun aumento dun 98% en número de mostras e dun 242% no número de determinacións extraídas, son un exemplo da importancia e do bo traballo deste centro

Lembra que a Consellería presentou un proxecto aos fondos ‘Next Generation’, para que este edificio sexa máis enerxeticamente sostible e eficiente

O Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia é un referente nacional e internacional no eido da investigación e vixilancia dos parámetros ambientais que rodean á sociedade (calidade do aire, augas naturais…) e sobre todo no estudo dos efectos de cambio climático. Esta relevancia foi posible grazas en boa medida, aos investimentos realizados pola Xunta de Galicia no último lustro, período no que se investiron 3 millóns de euros para converter a este laboratorio nunha institución de referencia.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá as instalacións deste centro dependente da Xunta, onde asegurou que a actividade realizada ao longo destes anos é a mellor mostra da importancia e do papel que este Laboratorio ten para o conxunto da sociedade.

Do traballo que se realiza no mesmo acádase moita información para identificar e aplicar medidas eficaces de loita contra o cambio climático. Nese sentido, fixo un balance da actividade deste centro nos últimos anos, período no que se constatou un incremento substancial no número de mostras realizadas (substancias que envían aos laboratorio para que proceda a súa análise), pois pasouse dunhas 2.700 no ano 2013 ás 5.300 de 2019, é dicir un aumento de máis dun 98%.

Deste material, extraéronse o número de determinacións (todo aquilo que o laboratorio extrae das mostras, como nivel e clases de gases presentes, volume e clases de metais presentes, etc…), polo que pasaron das 68.000 feitas no ano 2013 ás máis de 300.000 de 2020, un aumento dun 242%.

Este labor foi posible grazas a pulo dado polo Goberno galego, que aumentou a superficie de traballo, e poder colocar axeitadamente o novo equipamento, así como para a creación dunha nova sala de balanzas de clima controlado (humidade e temperatura); e á dotación de novo equipamento, novos instrumentos para adecuar os métodos analíticos aos valores límites de concentración, cada vez máis esixentes, que se establecen nas normativas máis recentes.

Participar dos fondos Next Generation
A conselleira de Medio Ambiente sinalou que aínda hai marxe para avanzar un chanzo máis e converter a esta instalación nun edifico 100% sostible. Nese sentido, avanzou que se pretende levar a cabo unha nova reforma das instalacións do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, para facer este inmoble máis eficiente. Así, adiantou que a Xunta presentará un proxecto de mellora aos fondos europeos do programa Next Generation, unha actuación que terá un custe duns 825.000 euros, para mellorar a eficiencia enerxética e rehabilitación dos laboratorios.

Indicou que o obxectivo é acadar un edificio responsable e comprometido co medio ambiente, que avance cara un modelo de consumo de enerxía limpa, co que se converterá no modelo e referente por excelencia para moitos outros edificios e entes públicos da xeografía galega.

Tal e como explicou a conselleira, instalaranse paneis solares fotovoltaicos que producirán enerxía 100% renovable para a produción da electricidade que consumirá o propio centro, a xeración de calor para o circuíto de calefacción e para a auga quente sanitaria, a creación de puntos de recarga de vehículos eléctricos; así como a renovación da carpintaría metálica para maior eficiencia enerxética. Tamén se adquirirán vehículos oficiais eléctricos ou híbridos recargables con características adaptadas ao traballo do laboratorio.

Ángeles Vázquez salientou que esta actuación vai máis alá dunha reforma, pois é unha mostra máis do firme compromiso do Goberno galego coa ciencia e coa fórmula I+D+i, que tamén debe aplicarse no servizo da calidade ambiental e da loita contra o cambio climático.

Así, o Laboratorio de Medio Ambiente ten un papel importante neste eido, ao ser o cento de referencia para o control da calidade do aire e da auga, dous aspectos moi importantes a día de hoxe e claves para o estudo do cambio climático e, sobre todo, para reducir os seus efectos.

Explicou que o traballo dos máis de 40 técnicos que forman parte do Laboratorio ten un marcado carácter transversal, pois desenvolven unha tarefa esencial a toma de mostras e realización de análises químicas e biolóxicas das redes de control de calidade das augas naturais ao amparo da Directiva Marco de Augas; observan os compoñentes do aire e da auga de choiva, como reforzo aos datos dos analizadores automáticos de contaminantes en aire ambiente da Rede de Calidade do Aire de Galicia; e dan apoio á inspección ambiental para o seguimento, entre outros, das Autorizacións Ambientais Integradas (AAI) coa recollida e análises de mostras.

Nese sentido, animounos a manter este papel de referencia e centro punteiro, como o que ostenta na actualidade o Laboratorio de Medio Ambiente, e invitounos a participar na elaboración de normativa autonómica, relativa á intervención administrativa das actividades potencialmente contaminadoras da atmosfera e sobre a creación da Comisión de Calidade do Aire de Galicia, que na actualidade se atopan en fase de consulta pública.

Argumentou que existen moitas razóns para escoitar a opinión e experiencia deste profesionais; pero existe unha razón primordial, como é o feito de que o traballo que cada día se fai desde esta institución é esencial para facer fronte ao reto decisivo de preservar e mellora o medio ambiente, que ao fin e ao cabo é preservar e mellorar a saúde de persoas, animais e plantas.