Ó abeiro do Día das Letras Galegas, dedicado neste 2021 a Xela Arias, a Concellaría da Normalización Lingüística da Pobra do Caramiñal, da cal é titular o edil Xabier Santos (BNG), desenvolverá varias actividades que se concentran en dúas xornadas.
Así, no propio 17 de maio transcorrerá no Cantón da Leña, a partir das 12.00 horas, a Festa da Poesía, consistente na lectura dunha serie de poemas da homenaxeada. Xa pola tarde, ás 19.00 horas, procederase no teatro cine Elma coa proxección do filme Lúa vermella, na cal o director Lois Patiño se inspira no universo mítico local e na figura real do chamado O Rubio de Camelle, un mergullador que rescatou máis de 40 cadáveres de náufragos perdidos no mar, para desenvolve-la súa persoal linguaxe visual. Para esta última cita requírese a inscrición previa de balde no teléfono de contacto 685571058.
Finalmente, no 30 de maio, Polo Correo do Vento ofrecerá o contacontos ilustrado e musicado Xela Arias. Liberdade, solidariedade e amor pola lingua. Será no Cantón da Leña, ás 17.30 horas. Trátase dunha proposta pensada para o público máis novo coa finalidade de promove-la lectura, a comprensión oral en galego, o desenvolvemento da creatividade e a expresión artística das crianzas. Deste xeito, contarase e debuxarase simultaneamente a biografía da escritora.
Seguiranse as medidas estabelecidas por mor da COVID-19. En caso de choiva, os actos previstos no Cantón da Leña trasladaranse ó teatro cine Elma.