· Aos 16 destinatarios restantes, que tiñan algunha documentación sen xustificar, pagaráselles nos próximos días.
· O goberno local destinou 60.000 euros a maiores dos 52.000 euros que achegou a Deputación dá Coruña a través do PEL Reactiva
· O prazo para xustificar os gastos subvencionables finalizaba o 31 de marzo.
O Concello de Cariño acaba de facer efectivo o pago de 36 das 52 axudas concedidas na liña de subvencións municipal dirixida aos autónomos e microempresas que sufriron as consecuencias da declaración do Estado de Alarma, que contaba cun orzamento de 112.000 euros.
Aos 16 destinatarios restantes, que pasado o 31 de marzo tiñan algunha documentación sen xustificar, emitiráselles o pago nos próximos días. Os adxudicatarios deste plan de axudas, para o que o goberno local destinou 60.000 euros a maiores dos 52.000 euros achegados pola Deputación dá Coruña a través do PEL Reactiva, recibirán entre 1.500 e 3.000 euros segundo a puntuación concedida, excepto aqueles casos nos que a cantidade para xustificar fose menor de 1.500 euros abonándoselles nese caso a parte proporcional xustificada.
O goberno local decidiu aumentar con fondos propios a achega do 20% que lle correspondía para cofinanciar este plan e facelo aínda máis ambicioso dotándoo de máis orzamento.
Os gastos subvencionables podían ser, entre outras cuestións, aqueles referentes á adaptación e acondicionamento dos negocios á nova realidade derivada da pandemia como pode ser a compra de paneis de protección, a adquisición de produtos hixiénicos e de limpeza, material antiséptico ou desinfectante, así como os gastos correntes de subministracións de auga, luz, gas, etc.
O alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, explicou que “estas subvencións son moi útiles para axudar a paliar os efectos da pandemia pero non queremos quedarnos aquí e estamos a buscar a fórmula para continuar botando unha man ás nosas veciñas e veciños”.