O Goberno municipal de Moeche vén de resolver a concesión de algo máis de 10.600 euros en axudas ao estudo e para gastos de desprazamento e merca de equipamento informático. As bolsas chegarán a 56 solicitudes, das cales 37 son para formación en centros públicos, 8 para axudarlles co transporte a mozos e mozas que estudan fóra e 11 destinadas á adquisición de ordenadores e material de conexión á Internet, unha das novidades da convocatoria deste ano. Agora ábrese un período de alegacións -houbo dúas solicitudes máis que foron rexeitadas por non cumpriren os requisitos- e, unha vez resoltas, aprobarase definitivamente o listado de asignacións, que nalgún caso chega aos 775€ de axuda.
Na liña de formación, no nivel de Educación Infantil, Primaria e ESO presentáronse un total de 30 solicitudes das que foron aprobadas 28 con contías entre os 100 e os 175€, dependendo das rendas da unidade familiar do alumnado beneficiario.
No caso dos bacharelatos, ciclos formativos outorgáronse cinco axudas -entre 150 e 200 euros-, mentres que no tocante a peticións para estudos superiores e universitarios se asignaron catro bolsas de 200 e 300 euros. O importe total que se fará efectivo en breve ascenderá a 6.300 euros.
A liña convocada polo Concello para colaborar nos gastos de desprazamento de todo aquel alumnado que tivese que trasladarse fóra de Moeche para proseguir cos seus estudos post obrigatorios resolveuse coa concesión do 100% das solicitudes presentadas.
Así, do primeiro tramo das bolsas de transporte- ata 35 KMS- beneficiáronse 4 alumnos e alumnas, que recibirán 150 € cada un . No tramo de 35 e 100 quilómetros foron catro as solicitudes presentadas e aprobadas cunha asignación de 150 ou 250 € . A cantidade total desta partida foron 1.300 €
O novo apartado deste ano, dirixido a equipamento informático, ten como obxectivo axudar ás familias cunha achega que lles permita compensar parte dos gastos efectuados neste tipo de material imprescindible para que a rapazada puidese seguir as clases desde a casa trala declaración do primeiro Estado de Alarma.
Neste apartado aprobáronse as 11 axudas solicitadas, con importes no caso de ordenadores de ata 400 euros, 175 para tabletas -non compatible coa achega de computadores- ou ata 100€ se se mercaron impresoras e outros periféricos. O importe que repartirá esta liña ascende a 3.024,89 euros. Cabe recordar que, a maiores destas axudas, en 2020 o Concello tamén apoiou a varias familias prestándolles ordenadores ou facilitándolles enrutadores cun contrato de datos que lles garantise a conexión ás aulas virtuais.
Todas estas bolsas municipais -estudo, desprazamento e merca de equipamento informático- son compatibles entre si (e coas doutras Administracións), polo que nalgún caso en que se cumpren os requisitos das distintas liñas o importe total chega aos 775 €. A cifra global dedicada polo Concello de Moeche a estes tres apartados ascende a 10.624,89 euros. O pagamento farase efectivo en cuestión de días, tan pronto como a resolución das asignacións se eleve a definitiva.