Thursday 21 de November de 2024

O Concello da Pobra inicia o expediente da compra do castro da Croa de Posmarcos


Unha vez asinado na xornada do 10 de maio o convenio de colaboración co que se formaliza o Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro, a Administración local pobrense inicia o procedemento de adquisición dos terreos sobre os que se atopan os restos do coñecido como castro da Croa de Posmarcos. Unha operación que se financiará co crédito extraordinario de 80.000 euros aprobado no pleno ordinario do 28 de febreiro de 2019. Finalizada a transacción e coas parcelas xa de titularidade pública, procederase ao estudo para a execución dun proxecto que permita a protección, conservación e posta en valor deste xacemento.

Entre as razóns que motivan esta compra, ademais da rúbrica do referido acordo, atópanse o seu valor histórico e patrimonial, o compromiso na protección do patrimonio arqueolóxico ou a necesidade de estudar o xacemento e realizar escavacións que permitan ampliar o coñecemento actual. Así mesmo, o dito castro forma parte do Catálogo de Bens e Edificacións Obxecto de Protección do concello e constitúe en si mesmo un recurso turístico con considerable potencial.