Friday 22 de November de 2024

Inés Rey: “O Fórum foi unha aposta de barrio que acabou facendo cidade”


A alcaldesa destaca as máis de 10 millóns de visitas que o centro recibiu ao longo destes 25 anos

“Todas as persoas que estamos hoxe aquí somos Fórum” afirmou a alcadesa, Inés Rey, esta mañá durante o acto de celebración do 25 aniversario do Fórum Metropolitano. Para a rexedora, falar do Fórum é falar da vontade de ir sempre un paso por diante, de traballar de maneira conxunta. “O Fórum foi unha aposta de barrio que acabou facendo cidade”, dixo Rey, que cualificou o centro como unha infraestrutura plural e pioneira, que mesturou servizos propios do Concello con outros vinculados ao tecido social, en especial ao servizo da comunidade en que se asentou: “Un edificio singular para impulsar e dar e facilitar vida”. Destacou as miles de usuarias e usuarios que pasaron polo Fórum nestes 25 anos: “As máis de 10 millóns de visitas que converteron o centro en alma de cidade”.

Rey lembrou o carácter pioneiro do Fórum como exemplo da transformación de espazos urbanos que hoxe en día debido ás esixencia derivadas da COVID e como as ideas que representa, encontro desde a diversidade, traballo conxunto, esforzo solidario, axudan a superar os retos aos que se enfronta a sociedade. “O Fórum adiantouse á súa época tamén nisto, ensinándonos o camiño”, apuntou.

A rexedora sinalou o centro como un símbolo de proximidade “un espazo para a convivencia e a innovación, un obradoiro de experiencias, un envoltorio único para a cultura, pero sobre todo un lugar de encontro”. E lembrou que no Fórum medraron servizos como a Unidade de Servizos Sociais, o equipo de Chabolismo e o Centro de Formación Pre-laboral da Fundación Adcor porque “o Fórum tamén é empatía e solidariedade”.

Para Rey, a singularidade do Fórum é o resultado dunha aposta audaz que formaba parte dun proxecto político que defendía e acreditaba unha cidade integradora. “Sei que son moitas as persoas que co seu traballo situaron o Fórum no que é, un espazo patrimonio de toda a cidade, pero quixera facer unha especial mención a quen pensaron e imaxinaron o que hoxe é unha realidade consolidada por 25 anos de experiencias que forman parte do noso patrimonio colectivo: Francisco Vázquez e José Luis Méndez Romeu, que se empeñaron en facer deste espazo un referente cultural e social non só dun barrio senón de toda a cidade, así como a José Luis González e Agustín Lorenzo”, dixo a rexedora quen tamén lle agradeceu o seu traballo a Ana Judel e o seu equipo así como ás empregadas e empregados, ao persoal técnico, ás e aos profesionais de distintos sectores e a todas as persoas que fixeron e seguen a facer do Fórum un espazo de referencia.

Durante a súa intervención, a alcaldesa puxo en valor moitos dos programas que converteron a cidade nun referente nacional, como o ciclo Todo Público, unha proposta de artes para as familias, o Programa de Ocio que naceu no Fórum, e que máis tarde se estendeu polo resto de centros cívicos da cidade foi outra aposta para espertar novas sensibilidades entre o público máis diverso. Sen esquecer a Filmoteca Fórum Metropolitano cunha programación estable de cinema alternativo e significado que tivo a biblioteca do Fórum, que constituíu o inicio da descentralización como primeira biblioteca que saíu de

Durán Loriga e que deu paso á rede de hoxe en día, todo un referente nacional. No acto participaron entre outros Emilio Vega, ex-directivo da Asociación de Veciños Oza – Gaiteira, Agustín Lourenzo e Begoña Llamosas, primeiro e segunda directora do Fórum; Chus Teijo e Mery Conchado, primeira e actual directora da biblioteca. Tamén falaron José Luis González e Laura Cedrón, primeiro e actual animadora sociocultural do Programa de Ocio do IMCE e Ana Judel e Quique Rodríguez, primeira e segundo director do CMIX.

A música, a poesía e o humor tamén foron protagonistas da gala do 25 aniversario da man de Dorés Tembrás, Black Acoustic e o monologuista Ramiro Neira.