A iniciativa, baixo o lema ‘O teu comercio quérete’, desenvolverase o 13 e 14 de febreiro en máis de medio centenar de rúas da cidade
O Concello, a través da área de Emprego e Empresa que dirixe Luisa Cid, puxo en marcha unha campaña de apoio ao comercio coruñés dirixida a incentivar as compras. Baixo o lema Seamos románticos, díselo co regalo perfecto. O teu comercio quérete, consiste na repartición de regalos entre os que fagan compras no pequeno comercio e desenvolverase o 13 e 14 de febreiro con motivo da celebración do día de San Valentín.
A iniciativa conta co respaldo de todas as asociacións comerciais e celebrarase en máis de medio centenar de rúas da cidade e nos mercados municipais onde un equipo de 24 monitores identificados co logo do comercio coruñés entregarán obsequios a todos os cidadáns que lles mostren un billete de compra do pequeno comercio. Realizarase nas seguintes zonas comerciais: Vos Mallos, Sagrada Familia, Agra do Orzán, Gaiteira-Cuatro Caminos, Os Castros-Castrillón, Elviña, Los Rosales, Matogrande, Monte Alto-Cidade Vella, Obelisco-Orzán, Distrito Picasso-Falperra e zona de Riazor.
En total, repartiranse 12.000 unidades de punteiros e soportes para móbil cos logos do comercio coruñés. A campaña realizarase o venres, 13 de febreiro, entre as 17.00 e 21.00 horas, e o sábado, 14 de febreiro, entre as 10.00 e 14.00 horas.
Fidelizar ao cliente
“O obxectivo da campaña é incentivar e fidelizar aos clientes para promover a actividade económica no comercio coruñés, que é fundamental para a cidade,” explica o tenente de alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid.
A campaña forma parte do Plan de Dinamización Comercial, o conxunto de accións de apoio ao comercio coruñés deseñado polo Goberno local e consensuado co sector para apoiar, reforzar e revitalizar o comercio coruñés incidindo na fidelización e consolidación de marca.
O Goberno local destina a este programa 700.000 euros ao ano, partida que se suma ás destinadas aos convenios nominativos cunha media de 141.000 euros por exercicio, e a outro tipo de acordos para organizar eventos e accións consensuadas cos representantes do pequeno comercio.