Saturday 16 de November de 2024

A Coruña acolle esta fin de semana o Campionato de España de vela de J70


O tenente de alcaldesa e a concelleira de Deportes asistiron á presentación do Trofeo Mar de Maeloc que situará a cidade no epicentro do deporte náutico

A praza de María Pita foi escenario hoxe da presentación do Campionato de España da clase J70, que se realizará en augas coruñesas desde o venres até o domingo organizado por Mariña Coruña e o Real Club Náutico, e que será selectivo para poder participar no Campionato de Europa e no Campionato de Mundo. No acto estiveron presentes o tenente de alcaldesa, Juan Ignacio Borrego, a concelleira de
Deportes, Mónica Martínez, o regatista e presidente do comité organizador, Chuny Bermúdez de Castro, o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Pardo e persoas representantes das entidades organizadoras e patrocinadoras do evento.

A concelleira de Deportes manifestou a intención do Goberno de Inés Rey de que A Coruña se converta nun referente para o deporte náutico e animou a veciñanza a gozar dunha cita que reúne na cidade a gran parte das mellores tripulacións da vela pesada española, xa que a proba conta con representantes de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Cataluña, Valencia, Murcia, Baleares, Canarias e Madrid; e tamén navegantes de Portugal, México e Arxentina.

“A Coruña será pois referente da vela de alta competición esta fin de semana. A vela en particular, e os deportes náuticos en xeral, son para o Goberno da nosa alcaldesa, Inés Rey, un investimento de cidade, un compromiso para que a veciñanza da Coruña, e especialmente a xente máis nova, viva de cara ao noso pavillón azul, aquel que nos brinda un océano de oportunidades que están ao alcance da nosa man e da nosa mirada. Temos o deber de volver a cara ao mar, como cidade mariñeira que somos”, dixo Martínez. E lembrou que nos meses de xullo, agosto e setembro a Concellería de Deportes porá en marcha por vez primeira o programa Coruña no mar. Serán cursos de iniciación e  perfeccionamento de distintas actividades náuticas para que a cidadanía sexa protagonista activa no coñecemento e respecto ao mar.

O tenente de alcaldesa deulles a benvida á cidade a todas as persoas participantes e destacou que o evento deportivo “é unha oportunidade para que a Coruña se converta nun referente na práctica dos deportes náuticos”.

Pola súa banda, o regatista e presidente do comité organizador, Chuny Bermúdez de Castro, expresou a súa satisfacción de que sexa a súa cidade a anfitrioa do campionato e animou a todas as coruñesas e coruñeses a gozar dunha regata que “é a mellor maneira de promocionar a nosa costa, o sector náutico, é unha cidade que se vende por si sola”.